Pechan os bancos de libre marisqueo da Ría de Arousa durante seis meses para a súa recuperación
Son as zonas de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla.
A Xunta da Galiza e os representantes do sector marisqueiro acordaron o peche dos bancos marisqueiros de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla, na ría de Arousa, durante seis meses para profundar na súa recuperación.
Segundo informou a Consellaría nunha nota de prensa, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un encontro con representantes do sector para analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigación Mariñas (CIMA).
Alí, trasladou ás entidades sectoriais que os datos dispoñíbeis reflicten un estado actual do recurso que desaconsella o inicio da actividade marisqueira nestas zonas produtivas.
Nesta liña, detallou que se valoraron medidas de carácter técnico que permitan avanzar na recuperación destes bancos, polo que se acordou a decisión de pechar estas zonas produtivas durante seis meses co obxectivo de consolidar a súa recuperación e favorecer o crecemento das poboacións de bivalvo de fronte ao próximo ano.
Así, a prohibición de extraer bivalvo desenvolverase cunha veda durante o último trimestre deste ano e unha parada biolóxica no primeiros tres meses de 2026, pola cal as persoas mariscadoras afectadas recibirán compensacións económicas.
Tras esta decisión, a directora xeral comunicou o compromiso da Xunta de tramitar esta convocatoria de apoios coa maior axilidade coa finalidade de que estean ao dispor do sector canto antes.