'Nós Diario' ofrece un caderno de análise dos Orzamentos da Xunta
A publicación acompañará o xornal deste sábado 30 de novembro.
'As claves das contas da Galiza', da autoría do economista Aleixo Vilas, é o titulo do caderno de oito páxinas que Nós Diario agasallará co xornal deste sábado 30 de novembro e que analiza os Orzamentos da Xunta da Galiza para 2025.
"Para elaborar os orzamentos galegos, deben previamente e de forma anual aprobarse uns obxectivos de estabilidade a nivel estatal baixo a doutrina da austeridade, que definen un marco tutelado pola Administración española", afirma Vilas.
Desta maneira, engade, esta "aplica unha regra de gasto allea ás necesidades galegas e impón férreos controis ao déficit e á débeda, en tanto que os relaxa á hora de aplicalos a si mesma".
"Os ingresos que contemplan os orzamentos veñen condicionados polas limitacións do sistema de financiamento da Galiza e a orientación regresiva das políticas tributarias da Xunta, e malia que medra o gasto, mantéñense as deficiencias nos servizos públicos, a atención primaria, ao tempo que se recorta fortemente en I+D+i", sinala.
Por outra parte, segundo salienta Vilas, "o volume e crecemento do gasto da débeda condiciona os orzamentos. Xa que logo, son uns orzamentos que amosan a falta de compromiso cos retos estratéxicos do país".
Falta de visión estratéxica
En conclusión, explica, os orzamentos "erran na visión estratéxica e falta un compromiso decidido polos servizos públicos esenciais". Neste sentido, "non se dá resposta aos grandes retos do país, como fortalecer os servizos públicos e nomeadamente a sanidade, a comezar pola atención primaria", asevera.
"Non hai unha aposta por un desenvolvemento sostíbel e autocentrado onde o papel da ciencia e a innovación sexa central. Ademais, camiñan en dirección oposta a unha política fiscal equitativa e redistributiva", afirma o autor do caderno.
Por outra parte, o economista tamén analiza no caderno a figura da lei de acompañamento dos orzamentos. "É un escándalo democrático que introduce reformas de modo pouco transparente", conclúe Vilas.