"Non nos van protexer", din os gandeiros sobre as salvagardas do pacto UE-Mercosur
Hai máis de dez días que a Unión Europea asinou en Asunción (Paraguai) o tratado de libre comercio cos países do Mercosur -Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai- e van case dous meses das protestas do sector agrogandeiro galego contra a “competencia desleal” á que a entrada en vigor deste acordo vai someter labregas, labregos, gandeiras e gandeiros de todo o país. Máis de cen tractores do Macizo Central teñen cortada desde a quinta feira a Autovía das Rías Baixas (A-52) en ambos os sentidos da circulación á altura de Xinzo de Limia.
José Ángel Prieto é gandeiro en Vilardevós (comarca de Verín), en conversa con Nós Diario mentres apura os labores de atender as vacas da súa explotación antes de volver co seu tractor á concentración na A-52, afirma: “Non descansamos, levamos máis dun mes en Ourense e desde a quinta feira de novo protestando na autovía, imos aguantar o máximo posíbel até que alguén nos escoite de verdade”. Así o afirma logo de considerar que nas reunións que mantiveron neste tempo coa Xunta da Galiza e a Subdelegación do Goberno español en Ourense “tratáronos con desprezo e entroulles por un ouvido e saíulles polo outro”. Exixen unha reunión co Ministerio de Agricultura, “queremos pedir que recapaciten, que pensen no agro e que nos digan se queren que o rural siga”, afirma.
Salvagardas
Entre o sector hai un sentimento común de “burla” por parte das administracións diante do tratado de libre comercio UE-Mercosur e as “salvagardas” prometidas por PP, PSOE e Bruxelas. Asegura Prieto sobre as salvagardas -para protexer o sector primario fronte á chegada de produtos suramericanos en competencia desleal- que “non as creemos, cando asinas un contrato xa terían que estar metidas esas salvagardas, pero non están e o acordo é o que é, é firme”.
Esta é a queixa do sector concentrado da A-53: “Non entendemos primeiro a firma e detrás as condicións, como van arranxar agora?”. Tamén Aaron Fernández, gandeiro de Montederramo (Terra de Caldelas), critica que “están a vender moito os políticos as técnicas de salvagarda agora”, pero asegura que “non van servir de nada porque cando as queiran aplicar o sector xa vai estar afectado porque non podemos competir en prezos, é competencia desleal”. Teñen claro que os produtos agroalimentarios dos países do Mercosur “non teñen os mesmos requirimentos que os nosos e o clima alí permítelles producir con custos máis baixos”, explica Fernández.
Pataca ou o mel
Ademais do sector da carne, tanto de vacún como de polo, para o que o acordo da UE e o Mercosur prevé a entrada anual de 99.000 toneladas de vacún e 180.000 de carne de ave, hai preocupación entre os produtores galegos que aseguran que “agora mesmo pola entrada de mel foráneo xa somos exemplo dos efectos do libre comercio como o do Mercosur”, explica a Nós Diario o apicultor da Pontenova (A Mariña) Brais Álvarez.
O tratado de libre comercio UE-Mercosur prevé a entrada de 45.000 toneladas de mel ao ano no mercado comunitario. A produción de mel no Estado supera as 27.000 toneladas, a galega está entre 3.800 e 4.000 anuais -Galiza é a quinta produtora do Estado-, sinala Álvarez. Advirte de que “levamos 20 anos cos mesmos prezos, mentres segue entrando mel de fóra”, asegura que o mel é “o exemplo perfecto de como afecta o libre comercio como o do Mercosur”.
O sector apícola galego advirte de que as cifras que baralla o acordo co Mercosur son “unha barbaridade”, tendo ademais en conta que “xa sufrimos a entrada e a triangulación de mel de terceiros países”. Asegura Álvarez que o acordo co Mercosur “vai rebentar o mercado, só nos queda a comercialización curta que acaba saíndo máis barato o quilo de mel do que sae no supermercado”.
Tamén no caso da pataca da Limia a situación actual “non é boa, non cobre custos porque non se cumpre a lei da cadea alimentaria”, explica a Nós Diario José Ángel Prieto. A pesar da vixencia desta lei, a situación actual que describe Prieto é que “o prezo da pataca ao labrego é de 13 céntimos, os custos de produción son 20 céntimos e véndense no supermercado a 1,50 euros”. A pregunta do sector é “quen se beneficia?”, e aseguran que a “competencia desleal co Mercosur” non vai axudar.
A Unión Europea Vietnam firma acordos históricos coa India e con Vietnam
Nesta mesma semana a UE firmou acordos comerciais con potencias asiáticas como a India e Vietnam. Na terza feira, en Nova Delhi, António Costa e Ursula Von der Leyen asinaban un acordo de libre comercio coa India para eliminar barreiras arancelarias por importe de 4.000 millóns de euros, coa industria alemá e italiana como máximas beneficiadas.
Este 29 de xaneiro, a UE e Vietnam elevaron as súas relacións ao máximo nivel coa sinatura dunha Asociación Estratéxica Integral, un novo marco que reforza a cooperación económica, tecnolóxica e xeopolítica entre ambas as partes nun contexto marcado pola guerra arancelaria desatada por Donald Trump e a busca de aliados previsíbeis. O acordo consolida Vietnam como socio clave da Unión Europea no sueste asiático.