De Muras á tarifa eléctrica galega
Galiza, xunto a Nafarroa, ten a maior densidade de potencia eólica instalada de todo o Estado e, dentro do noso país, o Concello de Muras (A Terra Chá), con 577 habitantes, é o de maior número de aeroxeradores.
A pequena historia sobre a implantación eólica en Muras cumpre todos os parámetros do colonialismo máis clásico: década dos 90, decadencia do rural, Alcaldía do PP que fai de comercial de grandes empresas eléctricas co discurso de que o monte non valía nada; en definitiva, venda do solo case que regalado coa ameaza da expropiación por unha utilidade pública difícil de comprender, o vento como recurso "divino" polo que non se paga, e, como resultado, unha instalación duns 400 aeroxeradores sen compensación social algunha.
As primeiras axudas
Coa chegada do nacionalismo á Alcaldía de Muras esta situación mudou radicalmente; foi o primeiro Concello galego –e aínda case o único– en conceder axudas aos recibos eléctricos, tanto para a veciñanza como para a pequena actividade comercial, algo que os "puristas" do sistema político-administrativo consideran como asumir competencias impropias, cando hoxe a sociedade precisa máis demostración de feitos e menos escusas teóricas para non facer nada. Nese momento, as axudas dependían dos orzamentos municipais que se incrementaban coas mínimas achegas –a respecto do recadado pola Xunta nese concello– do Fondo de Compensación Ambiental.
Muras é un dos 28 concellos galegos nos que os parques eólicos instalados están dentro da chamada repotenciación; dos 17 parques implicados, 10 xa están autorizados –e algúns deles en execución–, e case que todos con subvención pública para as empresas propietarias, na súa maioría das grandes eléctricas, por un importe total duns 55 millóns de euros.
Aproveitando a repotenciación do parque eólico Muras, o Goberno municipal do BNG negociou e acordou que o recibo eléctrico da súa veciñanza sexa gratis sen afectar os orzamentos municipais, xa que a empresa promotora –tamén das grandes– achegará para dita finalidade 125.000 euros anuais, actualizados co IPC, e durante a vida útil do parque repotenciado.
Aínda máis, tamén conse-
guiu 2,5% do valor económico da electricidade anual xerada polas oito máquinas do parque situadas no seu municipio, cun mínimo garantido de 200.000 euros, actualizados co IPC, para actividades e servizos de competencia municipal. O acordo tamén contempla o dereito á reversión da propiedade orixinal ou á cesión gratuíta para a veciñanza do uso agrogandeiro dos terreos desafectados pola repotenciación, xunto coa inclusión de Muras, o único concello galego, nos programas e becas da Fundación da empresa eléctrica.
Estender o exemplo de Muras
E se isto o conseguiu un Goberno municipal nacionalista nun pequeno concello, que non podería facer a Xunta de Galiza se tivese disposición política? Hai que lembrar que, con datos do Inega, máis de 83% dos concellos galegos teñen algunha instalación de xeración eléctrica.
Aínda máis, o último informe da patronal eólica do Estado, do 2024, é moi claro, por moito que a prensa do sistema insista, día si e día tamén, co do parón eólico. Galiza, cunha potencia instalada 25 veces a de Euskadi, ten case os mesmos postos de traballo no sector, mais cunha notábel diferencia: no caso galego a gran maioría dos empregos son de mantemento, cando en Euskadi son de desenvolvemento tecnolóxico, é dicir, mellores condicións e salarios máis altos. A comparación entre Galiza e Madrid xa é cruel: Madrid con case 1.000 empregos no sector eólico non ten –nin vai ter– un só eólico no seu territorio. Os datos sobre as patentes presentadas neste sector, entre 2006 e 2020, son dunha explicación manifesta: 393 en Nafarroa, 212 en Euskadi, 149 en Madrid e só 37 na Galiza.
Galiza, cunha potencia instalada 25 veces a de Euskadi, ten case os mesmos postos de traballo no sector, a gran maioría de mantemento
Cónstanos que á Xunta do PP o acordo en Muras provocoulle urticaria, de feito o seu grupo municipal abstívose no acordo do Pleno municipal, con argumentacións que estaban feitas polo seu gabinete a nivel galego; pero se a posición do PP era previsíbel, a do PSOE local tamén cumpriu os parámetros do colonialismo, moita socialdemocracia, moito conto pero, ao final, abstivéronse tamén, seica non chegan a entender que Galiza debe ser respectada polas empresas de xeración eléctrica.
E, por desgraza, o de Muras é só un exemplo; cantas oportunidades perdeu o noso país como o concurso eólico do BNG en 2008, por non exercer sen limitacións nin falsos purismos administrativos as nosas posibilidades.
A Tarifa Eléctrica Galega debe ser un obxectivo político prioritario para o nacionalismo; de se cumprir os obxectivos de descarbonización –máis perentorios agora que nunca polas políticas de Trump–, Galiza debería conseguir unha vantaxe para mellorar a súa economía, no doméstico, no comercial
e no industrial. Fíxoo un concello como Muras, que non podería facer unha Xunta con iniciativa política.