Modepen alerta de recortes nas pensións "para gasto militar"
O Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen) denunciou esta sexta feira que, após o anuncio do Goberno español de pedir un informe adicional á Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) en 2026 mudará as regras de avaliación dos ingresos e gastos do sistema público de pensións (SPP).
Esta entidade, a través dun comunicado, lembrou que a Airef realizou en marzo unha avaliación das previsións sobre ingresos e gastos do SPP, concluíndo a súa viabilidade até 2050. Modepen lembrou que este estudo ten que realizarse cada tres anos, "polo que a seguinte avaliación debería facerse en marzo de 2028".
Coa decisión de realizar este informe adicional o ano vindeiro, Modepen entende que "mudaranse as regras de avaliación dos ingresos e gastos do SPP" e as transferencias dos Orzamentos Xerais do Estado xa non serán un ingreso e. polo tanto, "pasaría a recibir a consideración de préstamo e a contabilizarse como resultado dun déficit de recadación".
A entidade relaciona isto co recoñecemento por parte do Goberno español de "presións da Comisión Europea de reducir o gasto social, e en concreto en pensións, para incrementar o gasto militar". Por este motivo, Modepen demanda crear unha nova cotización sobre o valor engadido das empresas, recuperar a participación dos salarios no PIB perdida e aprobar unha reforma fiscal progresiva que incremente a recadación procedente dos dividendos en máximos históricos e dos grandes patrimonios.
7,6% máis de pensionistas
Na Galiza, o número de pensionistas medrou 7,6% entre 2011-2024, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). O organismo indicou esta sexta feira que en 2024 había 682.886 persoas que percibían pensións contributivas, das que 50,8% eran mulleres.
Mentres, o importe medio foi de 1.236,5 euros, 5,8% máis que o ano anterior, dato que sitúa as pensións galegas como as segundas máis baixas do Estado.