O modelo eléctrico centralizado provocou que Galiza tardase máis en recuperar a luz
Galiza é unha grande xeradora de enerxía eléctrica, até o punto de exportar en 2024 practicamente 40% da súa produción total. Porén, isto non impediu que, após o apagamento da segunda feira, estivera entre os ultimo territorios en recuperar a subministración eléctrica.
Segundo os últimos datos publicados por Rede Eléctrica Española -relativos a 2024-, a produción galega de electricidade alcanzou 23.077.459 megawatts á hora (MWh), o que implicou unha xeración 60,1% superior á demanda total desta enerxía durante o período, que foi de 13.869.626 MWh. As cifras do xestor do sistema eléctrico avanzan un comportamento semellante ao dos anos anteriores, onde Galiza exportou un 40% da súa produción.
Os principais destinos da electricidade exportada foron Madrid e Portugal. 95,6% da enerxía eléctrica que consumiu o pasado ano a capital do Estado importouna doutros territorios, procedendo unha parte moi impórtante das centrais de produción emprazadas na Galiza. Ao tempo, 10% do total da electricidade consumida en Portugal en 2024 chegou da Galiza, prevéndose un incremento das exportacións á nación veciña nos próximos anos, á vista da planificación enerxética do xestor eléctrico estatal.
Rede Eléctrica destaca que 8,8% de toda a enerxía eléctrica do Estado produciuse na Galiza. Nesta dirección, desvela que a xeración de carácter renovábel chegou en 2024 no país a 19.518.040 MWh, representando 84,8% do total, nun ano onde destacou a produción hidráulica, que sumou 10.130.802 MWh. Precisamente, a electricidade desta orixe é unha das que máis estabilidade ofrecen ao sistema, tal é como se demostrou durante apagamento da segunda feira.
A electricidade de tecnoloxía eólica situouse o ano pasado en 8.860.397 MWh. Asemade, aquela de orixe non renovábel alcanzou 3.559.419 MWh, achegando 59,9% da mesma os ciclos combinados operativos en Arteixo (comarca da Coruña) e nas Pontes (O Eume), cunha potencia total instalada de 400 megawatts (MW) e de 800 MW respectivamente. Ao tempo, as centrais de coxeración emprazadas na Galiza achegaron ao sistema eléctrico 1.256.287 MW.
As vantaxes comparativas da Galiza como territorio xerador de electricidade non teñen repercutido a nivel de prezo ou de mellora da subministración na poboación ou nas empresas galegas que padecen os impactos negativos dos procesos de produción enerxética. Na mesma dirección, após o apagamento, o país tardou máis que outras zonas do Estado cunha escasa capacidade de xeración en recuperar o fluído eléctrico.
Euskadi e Madrid
Euskadi e Madrid son dous bos exemplos disto. Euskadi, que só xera 36% da electricidade que consome, recuperou a subministración o día do apagamento entre as 13.10 e as 13.45 horas, atopándose a esa altura con luz Bilbo, Donostia e Gasteiz. Madrid, que importa doutros territorios 95,6% da electricidade, comezou a contar con fluído eléctrico nalgunhas zonas a partir das 18.30, dispondo dese servizo 62,6% da poboación a partir das 23.10. A recuperación da subministración eléctrica na Galiza demorouse máis. Malia que na Mariña comezouse a recuperar a subministración a partir das 17 horas e na cidade de Lugo ás 18, no resto das áreas do país e nas principais cidades a luz non retornou até ben entrada a madrugada da terza feira, xeneralizándose o retorno do fluído entre as 2 e as 6.30 horas.
O profesor da área de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade da Coruña e especialista en política enerxética Fernando de Llano sinala a Nós Diario que “non é normal que nós, que mandamos electricidade a outras partes do Estado, non teñamos subministración até as dúas da mañá e barrios de Madrid, como escoitaba eu o día do apagamento na radio, contasen con servizo ás sete da tarde. Seis horas máis sen subministración que territorios como Madrid, que non cobren a súa demanda. O sistema está pensado a nivel estatal e as decisións tómanse pensando no Estado, aplicando o que Rede Eléctrica chama código postal único onde non se ten conta a quen produce”, afirma
A lóxica de Rede Eléctrica
De Llano, que explica que “a electricidade que chega ao sistema desde os diferentes puntos do Estado é distribuída outra vez por toda a rede sen ter en conta a súa procedencia, algo que non é eficiente porque se envía electricidade a longa distancia e parte dela pérdese”. O profesor aposta por achegar “os complexos industriais aos centros de produción eléctrica e non como acontece agora”. Así, explica que “un modelo tan centralizado como o existente no Estado favorece a expansión dos incidentes ao conxunto do sistema” e sinala que “se non tivésemos unha rede tan centralizada e houbese diferentes subredes, as avarías quedarían limitadas á zona onde se producen, porque habería máis protección e non afectaría o conxunto do sistema como aconteceu”. A este respecto, aposta por “replicar o sistema europeo ao Estado con redes específicas para cada unha das comunidades”.
En canto á análise das causas do apagamento, o Comité de Seguridade reuniuse o 30 de abril por primeira vez no Ministerio para a Transición Ecolóxica e volveu xuntarse este primeiro de maio para estudar a información que están a recibir das enerxéticas. A ministra e vicepresidenta terceira, Sara Aagesen, reuniuse tamén esta quinta feira coa presidenta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e reunirase esta sexta coa súa homóloga de Portugal. O vindeiro sábado, informa o Goberno español, o comité de análise volverá reunirse, esta vez na sede de Rede Eléctrica.
Un sistema eléctrico cun deseño ideolóxico
O apagamento eléctrico da segunda feira puxo no foco Rede Eléctrica Española. Neste sentido, as críticas recibidas polo xestor estatal derívanse da súa xestión do incidente, do seu carácter de empresa mixta e non pública e do modelo eléctrico impulsado pola compañía. Neste sentido, Fernando de Llano denuncia que “un territorio como o noso, xerador de electricidade, tardou máis que outros que non son produtores en recuperar a electricidade".
“Iso fala”, continúa De Llano, “dun mellorábel deseño do sistema eléctrico, que está pensado de forma centralizada. É cuestionábel que a rede non atenda de forma prioritaria, por proximidade, as zonas onde se produce a electricidade. Debe repensarse o deseño para evitar este tipo de penalizacións dificilmente comprensíbeis porque durante o apagamento confirmamos que dispor de plantas de produción de electricidade non asegura nin un acceso preferente nin un acceso continuado á enerxía”.
Fernando de Llano entende que “Rede Eléctrica aposta por este modelo centralizado porque con outro sistema con redes específicas por comunidades autónomas deixaríase en evidencia que hai territorios, como Madrid, que non producen nada e só consomen”.