Miguel Ángel Reviejo, vogal da Galiza en Bidafarma: "Garantimos que as farmacias do rural non sexan discriminadas"
—Como e cando naceu esta cooperativa farmacéutica?
Cofaga naceu en 1942. No século pasado o leit motiv foi a competencia desleal doutros provedores. A realidade actual é que somos un proxecto solidario onde os socios con máis forza teñen que ser obrigatoriamente solidarios cos máis pequenos. Temos axudas de todo tipo pero o fundamental é que garantimos que unha farmacia dunha vila nos Ancares ou no Courel non estea discriminada respecto da mellor farmacia da Coruña, con máis potencia de compra. O servizo é o mesmo, dous ao día como mínimo. As usuarias e os usuarios desas zonas teñen o mesmo servizo que unha farmacia que estea en Juan Flórez. Se hai un medicamento que non teñan na súa farmacia, pola tarde ou como moito ao día seguinte xa o teñen á súa disposición.
Fun presidente de Cofaga desde o ano 2000 até a integración en Bidafarma en 2018, e son farmacéutico, teño a farmacia na rúa Juan Flórez da Coruña.
—Como e por que se toma a decisión de integrar Cofaga na estatal Bidafarma?
Foi unha decisión colexiada do Consello de Cofaga. O plantexamento de futuro partía da grave crise mundial de 2010, os efectos da globalización e a chegada de grandes multinacionais. O mundo estaba cambiando e desde o noso Consello Reitor fixemos un deseño de futuro, estudamos a posibilidade de unirnos ás cooperativas do resto do Estado español. Era un proxecto moi bo, sólido e solvente de 12 cooperativas a nivel estatal.
Foi difícil e fixemos un gran esforzo persoal para deixar os cargos e pasar a formar parte dun proxecto máis grande. Agora temos unha gran cooperativa cunha importante cota de mercado e o noso persoal está moi implicado neste proxecto de futuro.
—Cantas das farmacias da Galiza están dentro de Bidafarma?
Socias temos máis de 800, pero o número de farmacias que servimos chega ao 95% das que existen en todo o país. Podemos chegar a servir arredor de 1.150 farmacias das algo máis de 1.200 que hai en toda a Galiza. Garantimos un servizo básico universal e solidario.
—Que vantaxes ten para os socios e para os usuarios a existencia da cooperativa?
A cooperativa ofrece unha vantaxe fundamental que é a igualdade e a democracia. Nós temos un voto cada socio, todos poñemos a mesma cantidade de cartos, cada catro anos podemos elixir o noso Consello Reitor e os nosos ideais baséanse no principio fundamental de solidariedade. Desde o primeiro momento viuse que eran os intereses capitalistas no século pasado os que se levaban por diante a posibilidade de servir compañeiros en zonas máis desfavorecidas. Para manter un sistema como o da farmacia non podemos caer en mans de favoritismos económicos. A sanidade é igualdade, equidade e solidariedade.
O sistema cooperativo é o ideal, mantívose porque é eficaz e o mellor. No mercado ao principio era 50% de cooperativas e 50% de sociedades anónimas, pero estas últimas foron desaparecendo todas. Agora o 80% da distribución grosista é cooperativo. O modelo vale para que a cidadanía teña un bo servizo.
—Que papel ten a farmacia na sanidade pública?
A farmacia é un dos piares importantes da sanidade pública. Centros de saúde, hospitais, médicos e enfermeiros teñen moita importancia pero nas farmacias a accesibilidade é practicamente universal. En calquera vila hai unha farmacia e un profesional que é coñecedor dos problemas da saúde e que está ao lado da xente. É atención sanitaria e incluso psicolóxica. Nós non somos psicólogos pero nas farmacias fálase de moitas máis cousas que da saúde.
"Ningunha farmacia fechou na pandemia"
Miguel Ángel Reviejo vive en Abegondo e ten a súa farmacia na Coruña. Logo de cinco anos ten moi presente a lembranza de "ir no coche só pola estrada para abrir cada día a farmacia". Afirma que cando a pandemia da Covid-19 "houbo infraestruturas sanitarias que non puideron manterse abertas", pero pon en valor que a farmacia foi unha das "que nunca fechou en toda a pandemia". Explica que nese período "tivemos compañeiros que se foron" por mor da Covid, "pero nunca fechamos". Lembra Reviejo tamén que "deixamos a pel" naquela época para abastecerse de máscaras e xeles desinfectantes: "Cando tiñamos os estantes baleiros, tivemos que buscalas debaixo das pedras". Pasado ese momento, destaca que "aí estivemos nós cumprindo unha misión importante".