Os mercados entran en pánico: a bolsa rexistra o maior descenso desde o confinamento

Todas as empresas do selectivo español rexistraron 'números vermellos' na sesión desta sexta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Todos os valores do selectivo fecharon en números vermellos, nun derrubamento que acusaron de forma especial as entidades financeiras. Así, a bolsa estatal estivo á cabeza dunha 'sexta feira negra' que foi extensiva aos mercados europeos e estadounidenses. Neste contexto, a oposición urxe o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a actuar fronte aos aranceis.

O principal mercado bolsista do Estado español, o Ibex 35, rexistrou esta sexta feira unha caída de 5,83%, o maior afundimento desde marzo de 2020, o mes do confinamento a causa da pandemia de Covid. Desta maneira, ampliábase a baixada da última sesión despois do anuncio de aranceis "recíprocos" dos EUA, a cal foi acelerada esta sexta feira tras a resposta da China á medida proteccionista. 

Neste sentido, todos os valores do selectivo fecharon en números vermellos, nun derrubamento que acusaron de forma especial as entidades financeiras e que se levou por diante todo o avance rexistrado polo Ibex 35 en febreiro e marzo. Así, a bolsa estatal estivo á cabeza –tan só por detrás da de Milán– dunha 'sexta feira negra' nos mercados europeos –e tamén nos estadounidenses–. 

Precisamente, o selectivo español foi o que conseguiu capear esta quinta feira da mellor maneira posíbel o impacto dos aranceis ao rexistrar unha caída de 1,2%, mentres que os seus homólogos europeos perdían máis de 3%, unha situación que non se repetiu esta sexta feira tras a resposta chinesa.

O petróleo

A cotización do barril de petróleo tamén se afundiu oesta sexta feira, tanto na súa variedade Brent, que chegou a rexistrar caídas superiores a 8%, como na West Texas Intermediate, que alcanzou descensos de máis de 9%. Así, o cru alcanzou niveis mínimos desde 2021, cando o mundo estaba en plena crise da pandemia, aínda que as caídas reducíronse ao longo da tarde.

No caso do Brent, de referencia para Europa, chegaba a cotizar esta sexta feira en niveis de 64,33 dólares (49,09 euros), 13,5% por baixo da apertura do 2 de abril –cando Trump anunciou aranceis–, asinando así o custo máis baixo desde maio de 2021.

Ademais do impacto da guerra comercial nas proxeccións de crecemento –as expectativas de recesión fan caer a cotización do cru polo risco de menor actividade económica e, polo tanto, do seu consumo–, o prezo do petróleo viuse presionado á baixa tamén polo inesperado anuncio dos estados produtores de acelerar o levantamento das restricións e bombear a partir de maio o triplo do inicialmente previsto.

"Risco significativo"

Neste contexto, a directora xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI), Kristalina Georgieva, alertou de que os novos aranceis globais "representan un risco significativo" para a economía mundial. Pola súa parte, o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, afirmou esta sexta feira que os gravames impostos polos EUA poderían restar "varias décimas" ao crecemento da economía estatal, así como tamén á europea.

Reunións no Ministerio

Cuerpo protagonizou esta sexta feira unha rolda de reunións cos grupos con representación no Congreso, coa excepción de Vox. Neste sentido, o ministro explicou ás forzas políticas –BNG, Sumar, ERC, PNV, Junts e Coalición Canaria– o plan para paliar os efectos dos aranceis desenvolto polo Goberno español. Pola súa parte, o PP, que xa se reunira esta quinta feira con Cuerpo, anunciou a presentación dunha moción na Cámara chamando a unha estratexia común da Unión Europea (UE) fronte aos aranceis.

Ao respecto, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, demandou esta sexta feira unha análise "detallada" do impacto da política arancelaria na economía galega, reivindicando que esta non debería afectar o emprego. Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou ao Executivo galego que impulse "axudas para paliar nos sectores afectados o impacto dos aranceis".