As medidas da Xunta coa Dermatose Nodular amplíanse até o 1 de febreiro
A Consellaría do Medio Rural decidiu ampliar onte as medidas de prevención vixentes fronte á Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) até o 1 de febreiro de 2026, coa posibilidade de novas prórrogas. A pesar de non notificarse casos na Galiza, o obxectivo é "protexer á cabana bovina galega", que é a única que está autorizada a asistir a feiras ou outros eventos.
Segundo avanza a Xunta, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicará o 30 de decembro, a resolución pola que se dá continuidade a estas medidas, cuxa vixencia terminaba o 31 deste mesmo mes. Desta maneira, está permitida a realización de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino na Galiza con finalidade comercial, que unicamente poden contar con animais procedentes de explotacións galegas.
Esta indicación esténdese tamén á realizaión extraordinaria de eventos deste tipo, que deberán recibir a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Vixilancia veterinaria
Ademais, segue vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra da Galiza -con destino a vida-, desde a data da súa incorporación á explotación de destino na Galiza.
A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio do Estado español, ou de fóra del, quedarán inmobilizados. Da mesma maneira, segue a ser obrigatorio desinfectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais así como todos os vehículos de transporte.