O marisqueo na ría de Arousa perdeu 59 millóns de euros desde 2021: "Se non se toman medidas, as confrarías fecharán"

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Mariscadoras e Produtores de Mexillón, esta segunda feira, en rolda de prensa desde Carril, en Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Mariscadoras e Produtores de Mexillón denuncian “a gravidade da situación”. Critican que a Xunta da Galiza "non actúa" e que "xustifica a súa inacción co cambio climático e impulsa proxectos nocivos para a ría", e demandan "un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros e un plan de saneamento integral da ría e dos ríos".

“O devalo produtivo e a ausencia dun plan público de saneamento e rexeneración deixan sen horizonte de futuro o sector do marisqueo”. Así de contundentes foron as conclusións do balance da produción de bivalvos no período 2004-2025 presentados esta segunda feira en rolda de prensa pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Mariscadoras e Produtores de Mexillón.

A análise partiu de revisar a base de datos de pescadegalicia.gal, a ferramenta dixital da Xunta da Galiza que proporciona as cifras actualizadas máis importantes para entender, diariamente, como se está desenvolvendo este ramo.

Maiores perdas económicas, menos mariscadoras

Segundo o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, os datos sinalan que as perdas económicas consecutivas entre 2021 e 2025 dos principais recursos de bivalvos agás o mexillón -sen ter en conta a inflación- son de 10 millóns de euros en 2021 e 2022; de 8,5 millóns de euros en 2023, que sumados aos 30,8 millóns do bienio 2024-2025 dá unha perda nos últimos cinco anos de 59,3 millóns de euros.

A estas perdas súmase un sector cada vez máis pequeno que, en cifras, aclara o nivel de permisos de explotación, modalidade de marisqueo xeral (Permex) na ría de Arousa a súa evolución “claramente decrecente”, asegura Rubido. Asía, había 1.731 en 2011; 1.704 en 2014; 1.686 en 2019; 1.540 en 2024, e 1.354 en 2025. Desta última cifra, Rubido salienta que “hai que ter en conta que 156 son maiores de 60 anos e 574 están entre 51 e 60, perto da xubilación”.

Os datos por especies

No informe feito público en Carril, en Vilagarcía de Arousa (O Salnés), tivéronse en conta os datos globais de produción de bivalvos -agás o mexillón- dos catro últimos quinquenios e do bienio 2024-2025, centrándose na evolución dos principais recursos.

Así, por especies, na ameixa babosa, a produción media foi de 528 Tn/ano no período 2004-2023 e dunha produción media de 268,4Tn/ano no último quinquenio 2019-23, diminuíndo desde 2015. No bienio 2024-25 a media anual foi de 48 Tn. Isto significa unha media de descenso anual de 82 % con relación á media do 2019-23. Neste caso, a perda económica no bienio, respecto á media do último quinquenio, foi de 7,9 millóns de euros.

No caso da ameixa fina, a produción media foi de 326 Tn/ano no período 2004-2023 e dunha produción media de 155Tn/ano no último quinquenio 2019-23, descendendo tamén a súa presenza na ría desde 2013. No bienio 2024-25 a media anual foi de 24 Tn., ou sexa que sufriu unha media de descenso anual de 85% con relación á media do 2019-23. Por este motivo, a perda económica no bienio, respecto á media de 2019-23, foi de 7,8 millóns de euros.

En relación á ameixa rubia, constataron que  houbo unha produción media de 288 Tn/ano no período 2004-2023 e unha produción media de 144,4 Tn/ano no último quinquenio 2019-23. O descenso foi forte, neste caso, desde 2017. No foi mellor no bienio 2024-25, cunha a media anual foi de 91 Tn., descendendo unha media anual de 47 % con relación á media de 2019-23. A perda económica no bienio, respecto á media do último quinquenio, neste caso, foi de 0,65 millóns de euros.

Xa na ameixa xapónica, a produción media foi de 1293 Tn/ano no período 2004-23 e tivo unha produción media de 1542 Tn/ano no último quinquenio 2019-23. Neste caso trátase dunha especie foránea e resistente a condicións adversas, que foi  progresivamente introducida como salvagarda económica ante o descenso doutras especies. No bienio 2024-25 a media anual foi de 950 Tn. Isto significa unha media de descenso anual de 38 % con relación á media de 2019-23. Así, tamén tivo unha perda económica no bienio, respecto á media do último quinquenio, de 7,8 millóns de euros.

Por último, no berberecho, explican que a produción media foi de 923 Tn/ano no período 2004-2023 e cunha produción media de 587 Tn/ano no último quinquenio 2019-23. Así, desde 2008 a súa presenza na ría pasou de ser un recurso fundamental a ter unha presenza mínima e no bienio 2024-25 non mellorou. Nese período media anual foi de 74 Tn., ou sexa, tivo unha media de descenso anual de 87 % con relación á media de 2019-23. A perda económica do bienio, respecto á media do último quinquenio, foi de 6,7 millóns de euros.

Na suma total de bivalvos, a produción media foi de 4.134 Tn/ano no período 2004-2023 e tivo unha produción media de 3.506 Tn/ano no último quinquenio 2019-2023. No bienio 2024-2025, pola súa parte, a media anual foi de 1.808 Tn. Isto significa unha media de descenso anual de 52 % con relación á media de 2019-2023. Unha perda económica no bienio, respecto á media do último quinquenio, de 29,7 millóns de euros.

"Falta de resposta" da Xunta ante a crise

PDRA, confrarías e agrupacións apuntan que xa levan “anos” explicando as causas desta crise e ademais “están documentadas cientificamente”. Entre as principais, poñen o foco “na diminución da intensidade e frecuencia do nordés que arrastra as augas superficiais cara a mar aberto”. Esta situación, sinalan, “provoca que haxa menos entrada das augas  profundas e frías do océano (afloramento) e por tanto menos alimento, pero ademais isto provoca unha menor renovación das augas interiores das rías”.

Desta situación, explican os colectivos e entidades da ría, “é consciente a Consellaría do Mar e recoñece esta realidade cuantificando que a intensidade do afloramento decaeu en 45% e a súa duración acortouse un 30% (75 días)”. Por iso, “o tempo de residencia da auga nas rías pasou de 8 a 19 días”. Porén, denuncian que “o problema é que a Xunta non actúa en consonancia con esta menor renovación e circulación das augas interiores: hai un maior impacto da polución nuns bivalvos debilitados”.

Para paliar isto, urxen á Xunta para que tome “medidas efectivas para controlar e diminuír o seu impacto”. por iso, entenden que “hai que ter orzamento e vontade política de abordar o problema”. “Se non se toman as medidas mediambientais e socioeconómicas necesarias para atallar a actual crise do sector, aumentará o abandono da actividade no mar e as confrarías fecharán”, indican.

Nesta situación, PDRA, confrarías e agrupacións aseveran que “se perderán as concesións e, por fin, a Xunta poderá introducir a acuicultura industrial -favorecida nos orzamentos de 2026- en substitución do cultivo tradicional”.