María Jesús Montero presenta a proposta para un novo modelo de financiamento: Facenda estuda "pór algún límite" ao dumping fiscal
A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, presentou esta sexta feira a súa proposta para un novo modelo de financiamento das comunidades autónomas. Neste sentido, explicou que o seu departamento está a traballar en "pór algún límite" ao dumping fiscal que, ao seu xuízo, están a acometer autonomías como a de Madrid.
"Sería coma se alguén di: eu baixo os meus impostos e súbeos ti para que eu poida ter os recursos que necesito para prestar os servizos do Estado do Benestar", denunciou Montero na rolda de prensa na que detallou a súa proposta do modelo de financiamento autonómico.
Por iso, explicou que o Goberno español quere pór algún límite ao dumping fiscal para "imposibilitar que queden en nada algunhas figuras tributarias para poder dotar dunha maior corresponsabilidade fiscal a todas as comunidades autónomas".
"Non ten sentido que esteamos a facer desde o Goberno de España esforzos extraordinarios para dotar de maiores recursos aos territorios e que logo os territorios baixen os impostos na parte que lles corresponde e por tanto quedándose sen recadar unha parte importante da eficacia que teñen determinadas figuras tributarias", agregou.
21.000 millóns de euros máis para as autonomías
Montero expuxo a súa proposta de reforma do novo modelo de financiamento autonómico que incrementa a porcentaxe de cesión a comunidades autónomas do IRPF do 50% ao 55% e do IVE do 50% ao 56,5%. Estas cesións supoñen as propostas centrais para que os recursos do sistema de financiamento aumenten en aproximadamente 21.000 millóns de euros para o ano 2027.
"O Executivo asume a súa responsabilidade e entende que non hai mellor maneira de defender o Estado do Benestar que reformulando un modelo de financiamento que ten xa 17 anos", explicou a titular de Facenda.
O punto de partida baséase na idea de deseñar un sistema que incremente os recursos autonómicos para blindar o Estado do benestar, que reforce a autonomía e a corresponsabilidade fiscal, que garanta a solidariedade interterritorial, que respecte a singularidade territorial e que sexa máis transparente e sinxelo.
Segundo Montero, a complexidade radica en que este modelo de financiamento ten que ser útil e adaptarse a comunidades autónomas que son moi distintas entre si. "Por tanto, non pode existir un modelo a medida para unha comunidade autónoma, senón que se estabelece un sistema que se adapta e dá resposta ás realidades dispares da España autonómica", remarcou a ministra.
Reformula o cálculo de poboación axustada
En primeiro lugar, o Goberno español reformulou o que se coñece como poboación axustada, que determina o número de habitantes de cada comunidade, ponderando variábeis que inflúen no custo de prestación dos servizos e nas necesidades de financiamento.
A configuración da poboación axustada ten algunhas variacións sobre a situación vixente. Así, os criterios que se teñen en conta son a poboación padrón, unha das variábeis máis relevantes que supón o 30% da ponderación de poboación axustada.
Pola súa parte, tense en conta a poboación protexida equivalente ao 38%, que determina en maior medida o gasto sanitario, que é a partida orzamentaria máis elevada nas comunidades autónomas e, por tanto, a que ten un maior peso á hora de determinar os recursos.
Esta poboación protexida equivalente neste momento do actual modelo conta con sete grupos e coa proposta que pon o Goberno español sobre a mesa amplíase a 20 grupos de idade, "aproximando mellor os custos sanitarios en función das necesidades dos beneficiarios", segundo Montero.
En relación coa educación, para determinar o gasto educativo tívose en conta o número de habitantes entre 0 e 17 anos, e esta ponderación alcanza un 17%. E ademais introdúcense dous novos criterios neste apartado de educación, como son o número de habitantes entre 18 e 24 anos que están a cursar estudos universitarios ou están a cursar formación profesional e tamén o número de alumnos universitarios que se trasladan desde outras comunidades para estudar, de maneira que se recoñece o custo que supón que unha comunidade acolla a estudantes doutras autonomías no seu sistema educativo. Estas variábeis van sumar unha ponderación do 3,5%.
No ámbito de servizos sociais, tense en conta a poboación maior de 65 anos, que require dun uso intensivo e importante de servizos que se vinculan, por exemplo, á dependencia. A novidade é que se desagrega en dous tramos, entre 65 e 79 anos e, por outra parte, os maiores de 80 anos. A ponderación desta variábel alcanza o 7%. E outra novidade que se incorpora tamén ao modelo cun peso do 1,5% é o número de parados sen prestación social.
Canda estas grandes áreas que determinan poboación axustada, (sanidade, educación e servizos sociais), tamén se inclúen outros elementos que impactan no custo da prestación dos servizos. Un deles é a superficie. Neste caso, quilómetros cadrados de cada comunidade autónoma, que supoñen un 1,6% da ponderación.