Máis de 13.000 solicitudes do ingreso mínimo na Galiza nos primeiros 10 días
Máis de 3.700 fogares galegos reciben esta sexta feira o primeiro pagamento.
A Seguridade Social efectúa esta sexta feira, 26 de xuño, o primeiro pagamento do Ingreso Mínimo Vital (IMV) a 74.119 fogares beneficiarios no Estado, entre os que hai 3.721 familias galegas, segundo informa Delegación do Goberno español. Son recoñecidos de oficio procedentes da prestación por fillo a cargo.
No caso galego, estes fogares contan con 5.342 adultos e 6.088 menores a cargo, o que suma 11.430 persoas. Por provincias, abónanse prestacións en 1.393 fogares na Coruña, seguida de Pontevedra (1.325), Lugo (524) e Ourense (479).
Os fogares recoñecidos de oficio son aqueles dos que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) tiña información suficiente sobre a composición do fogar para poder realizar a reconversión. A Seguridade Social avisoulles, previamente, por SMS e carta para que non tivesen que solicitar o Ingreso Mínimo Vital.
O resto dos beneficiarios da prestación por fillo a cargo sen discapacidade ou con discapacidade menor a 33% que poidan ser beneficiarios da nova prestación deberán solicitalo, xa que non constaba información suficiente para reconverter de oficio a prestación.
Nos primeiros dez días desde o inicio do prazo para solicitar o Ingreso Mínimo Vital, rexistráronse no INSS 344.585 solicitudes no Estado, 13.814 delas na Galiza.
O pasado 15 de xuño iniciábase o período para solicitar o ingreso mínimo vital, a nova prestación impulsada polo Goberno español para reducir o nivel de pobreza e exclusión. Segundo os datos que manexa a Delegación do Goberno, na Galiza pódense beneficiar destas axudas preto de 40.000 fogares.