Os labregos cortan a A-52 na Limia para protestar contra o acordo da UE con Mercosur
A A-52 está cortada desde as cinco da mañá deste sábado entre Xinzo de Limia e Trasmiras.
A decisión dos Estados da Unión de Europea de dar luz verde ao tratado de libre comercio con Mercosur avanza un aumento das protestas do sector agrario galego, que leva mobilizándose en Ourense desde hai máis unha semana.
A madrugada deste sábado, os labregos e labregas da Limia cortaron a autovía A-52 entre os concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras (comarca da Limia). A protesta, que arrancou ás cinco da madrugada, mantén aínda fechada esta vía que une Galiza coa comunidade de Castela e León.
As persoas participantes neste corte de tráfico contactadas por Nós Diario sinalan que a sinatura do acordo de libre comercio entre os Estados da Unión e Mercosur pon en risco a viabilidade das explotacións agrarias e gandeiras da zona, en liña coas demandas expresadas nestas últimas semanas.
O prezo da pataca
Unha das cuestións que máis preocupa aos labregos e labregas da Limia é que países do Mercosur como Arxentina concentran importantes zonas dedicadas á produción de patacas, que de entrar no mercado comunitaria provocarían unha importante caída de prezos.
As mesmas queixas formúlanas os gandeiros e gandeiras das comarcas do Macizo Central. Neste sentido, o gandeiro de Montederramo, na Terra de Caldelas, Aarón Fernández apunta a Nós Diario que "o acordo entre a Unión Europea e Mercosur implicaría que no mercado galego entrasen canais de vacún de Arxentina ou Brasil a tres euros o quilogramo".
Fernández explica que "non é posíbel competir con estes prezos, "cando nós estamos vendendo a oito euros o quilogramo, porque por baixo dese prezo non cubrimos custos de produción e estariamos perdendo cartos". Na mesma liña, lembra que nos "Estados de Mercosur esíxense uns controis moito menos esixentes que os de aquí".
A protesta que se desenvolve nestes momentos na A-52, entre os concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras, coincide cunha tractorada que o sector agrario mantén desde hai máis dunha semana na cidade de Ourense.
Manifestación en Lugo a segunda feira
As mobilizacións agrarias estenderanse a partir da segunda feira a outras cidades galegas como Lugo, onde a asociación Agromuralla e a Asociación de Gandeiros Galegos de Supremo ten convocada unha manifestación para 12 de xaneiro ás 12 horas.