O IPC mantívose en 1,9% en abril, tres décimas menos que o Estado

A estabilidade dos prezos dos alimentos foi determinante na moderación do IPC. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
O IPC subiu oito décimas entre marzo e abril na Galiza, segundo os datos publicados durante a xornada desta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu oito décimas entre marzo e abril na Galiza, até situarse en 1,9% interanual (repetindo o dato do mes pasado), segundo os datos publicados durante a xornada desta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 

Esta cifra supón tres décimas menos que a media estatal, xa que no total do Estado español os prezos subiron nos últimos 12 meses en 2,2%, moderándose un décima respecto ao dato de marzo polo abaratamento do gas, a luz e as gasolinas.

Segundo o mesmo informe do INE, no territorio galego os alimentos e as bebidas non alcohólicas subiron 1,1% respecto a abril de 2024, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco incrementaron de prezo 2,4% durante este mesmo período. O vestido e o calzado, pola contra, encarecéronse 2,1%, mentres que a vivenda disparouse 3,9% e o enxoval, 0,4%.

A medicina (+2,2%), as comunicacións (+2,1%), o lecer e a cultura (+2,3%) e o ensino (+2,6%) tamén sufriron aumentos de prezo, da mesma maneira que os hoteis, os cafés e os restaurantes (+4,6%). Por outra parte, o único servizo que reduciu o seu custo foi o transporte, que baixou na Galiza 1,8% nos últimos 12 meses.

A nivel mensual, os prezos creceron na Galiza 0,8 % respecto a marzo, por encima do incremento de 0,6 % rexistrado no conxunto do Estado. O grupo que máis influíu neste crecemento mensual foi o de comunicacións, cunha repunta de 3,8 %, seguido de bebidas alcohólicas e tabaco (+2,5 %) e a restauración e hostalería, tamén cun 2,5 % de subida. 

Prezo da electricidade

Na media estatal, o IPC subiu 0,6% en abril en relación ao mes anterior e recortou unha décima a súa taxa interanual, até o 2,2%. O organismo público explicou que a moderación do IPC débese ao abaratamento da electricidade, maior que a experimentada en abril de 2024, así como ao menor custo dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais, e ao descenso dos prezos do gas.

En concreto, o grupo de vivenda recortou 1,5 puntos a súa taxa interanual en abril, ata o 4,2%, polo abaratamento da electricidade e o gas, en tanto que o grupo de transporte reduciu sete décimas a taxa interanual, até -1,6%, polo prezo dos carburantes e lubricantes.