Inditex logra un beneficio récord de 5.866 millóns en 2024, un 9% máis
A compañía proporá á xunta de accionistas un incremento do dividendo de 9% para o exercicio 2025, até 1,68 euros por acción.
Inditex rexistrou un beneficio neto récord de 5.866 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2024-2025 (desde o 1 de febreiro de 2024 ao 31 de xaneiro de 2025), o terceiro de Marta Ortega á fronte da presidencia, o que supón un incremento de 9% con respecto ao ano anterior, segundo informou a compañía, que elevará o dividendo un 9%, ate 1,68 euros por acción.
As vendas tamén foron récord ao alcanzar 38.632 millóns de euros, un 7,5% máis sobre 2023, cunha evolución "moi satisfactoria" tanto en tenda como en liña, positiva en todos os formatos. As vendas a tipo de cambio constante creceron un 10,5%. Desta forma, a compañía volve lograr resultados récord, en liña co consenso de analistas, aínda que máis moderados no seu ritmo de crecemento, xa que até este ano fechara con aumentos a dobre díxito.
De feito, trátase da menor alza en beneficios e vendas desde 2020, ano da pandemia. En 2021, fechou cun crecemento do beneficio de 193% e de 36% en facturación, seguido de 2022 (+27% en beneficio e +17,5% en vendas) e de 2023 (+30,3% en beneficio e +10,4% en ingresos).
"Os excelentes datos de vendas e beneficio mostran a solidez do crecemento rendíbel do grupo Inditex, baseado na calidade da oferta comercial de todos os nosos formatos, a eficiencia en todas as operacións e a innovación constante coa que os nosos equipos impulsan un modelo de negocio que continúa mostrando a súa ambición e fortaleza cando se fan 50 anos da apertura da nosa primeira tenda", destacou o conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras.
1,68 euros por acción
O consello de administración proporá á xunta xeral de accionistas un incremento do dividendo de 9% para o exercicio 2025, ate 1,68 euros por acción, integrado por un dividendo ordinario de 1,13 euros e un dividendo extraordinario de 0,55 euros por acción. O dividendo componse de dous pagos iguais: o 2 maio de 2025 un pago de 0,84 euros por acción, correspondente ao dividendo ordinario, e o 3 novembro de 2025 outro pago de 0,84 euros por acción (0,29 euros ordinario máis 0,55 euros extraordinario).
O resultado operativo (Ebitda) creceu un 8,9%, até 10.728 millóns de euros, e o resultado neto de explotación (Ebit) un 11%, até 7.554 millóns de euros.
Así mesmo, a marxe bruta situouse en 22.343 millóns de euros, un 7,6% superior ao de 2023, e representa 57,8% das vendas, segundo informou a compañía, que destacou que o control dos gastos operativos foi rigoroso. Os gastos de explotación aumentaron un 6,5% sobre 2023, por baixo do crecemento das vendas.
Debido á boa execución do modelo de negocio, os fondos xerados (axustados por pagos de arrendamento) creceron un 9,9% e a caixa xerada creceu un 8%. A caixa neta aumentou un 0,8%, até 11.495 millóns de euros.