Análise

Hilgen, un xeólogo holandés convertido en galego

Placas mortuorias de lousa (Hilgen) e xisto (Greet) colocadas nun penedo no alto de San Bieito, na Serra do Candán (comarca do Deza). (Foto: Antonio Presas)
Antonio Presas, xeógrafo e escritor.

O que sucedeu co xeólogo holandés J. Dirk Hilgen non é un caso de predeterminismo, teoría metafilosófica que afirma que os seres humanos nacen destinados a un fin inevitable, senón un caso de libre elección, de puro albedrío.

Hilgen naceu en Holanda, estudou alí, doutorouse cunha investigación que fixo en Galicia na década dos anos 60 (Unidade xeolóxica de Lalín e serra do Candán), traballou no seu país de orixe e decidiu rematar o seu ciclo vital, de forma libre, no alto da serra do Candán, nunha pequena montaña do prelitoral galaico e que sempre considerou como un bastión xeolóxico moi representativo da gran cordilleira varisca ou hercínica, que se formou na Era Primaria, cando tivo lugar a primeira gran colisión das placas tectónicas arcaicas, que formaron o supercontinente Panxea.

As cinzas de Hilgen

No ano 2004 os restos incinerados de Hilgen, falecido en xaneiro, chegaron a Lalín e tanto a súa esposa Greet como o seu irrenunciable amigo lalinense Perfecto Navaza, pasteleiro de profesión, levaron a urna funeraria ao alto de San Bieito (1.015 metros de altitude), na serra do Candán, para esparexelos ao permanente vento que bate esta serra desde o Atlántico (vento do Oeste) ou desde o Cantábrico (vento do Norte).

Formouse un selecto grupo de persoas e institucións, como a Sociedade Galega de Xeografía, a Asociación Cultural Manuel Ferreiro de Lalín, o alcalde de Lalín etc., que estivemos alí e fomos testemuñas dun "acto de amor" á Nosa Terra, ao Noso Territorio, para que Hilgen se convertese nun holandés que quixo ser galego e terminou formando parte desta maxestosa montaña. Hilgen sempre dera mostras inequívocas do que significaba para el este país, tanto polas súas características xeolóxicas, medioambientais, naturais, etnográficas e sociais. Namorouse deste espazo xeográfico (Lalín, serra do Candán, minas de Saídres-Fontao...) e dos nosos humildes e sinxelos paisanos, que o consideraban como o "home da piqueta", ou o "home das pedras" e, ás veces, como un "lambón" ao que lle gustaba moito comer os nosos alimentos, que se producían durante o período de "economía autárquica" do represivo franquismo: a carne, as patacas, o pan, o leite, as filloas, os chourizos etc.

Legado xeolóxico no Pazo de Liñares

A súa perdurable amizade co mellor pasteleiro de Lalín, ao que coñecera, accidentalmente, cando paseaba cun can pola vila lalinense foi o principio do fin, porque grazas a esa profunda amizade Hilgen, non só decidiu que as súas cinzas viñeran para o Candán, senón que, tamén, cedeulle toda a súa biblioteca e o material científico que tiña na Universidade de Leiden a este seu amigo lalinense. Todo ese grande e valioso legado chegou a Lalín, procedente de Holanda, no ano 2008, viaxe na que tamén viñeron as cinzas da súa esposa Greet, que foron levadas para o mesmo lugar do alto da serra do Candán, onde foran botadas as do xeólogo.

O seu legado constitúe un valioso patrimonio científico formado por case 600 libros de Xeoloxía, numerosas teses doutorais, fotografías aéreas de Galicia do voo aéreo de 1956, uns 2.855 preparados microscópicos de láminas de rochas da zona abarcada pola súa tese doutoral, unha enorme cantidade de mapas, a inédita correspondencia con varios xeólogos galegos, unha impresionante colección de rochas, varias libretas con anotacións de traballos en campo, microscopios petrográficos, un estereoscopio de espellos para ver fotos aéreas en relevo, cámaras fotográficas etc.

Dicía o xeógrafo Hilgen: "Non sei falar o galego pero entendo moi ben todo o que din os galegos"

Tendo en conta que se trata dun material relacionado co estudo xeolóxico sistemático que a Universidade de Leiden emprendera en Galicia na época de Isidro Parga Pondal, podemos dicir que a día de hoxe o Pazo de Liñares ten a honra de ser un dos depósitos de material xeolóxico máis importantes, a nivel internacional, dos traballos de Xeoloxía do Hercínico Europeo.

Outros xeólogos de Holanda, coetáneos ou posteriores a Hilgen, non tiveron a audacia, nin o atrevemento, nin a súa sorte, porque foron como "aves viaxeiras" que estiveron un tempo nesta Terra do Macizo Hespérico, pero non empatizaron con ela do modo que fixo Hilgen.

Foron moitos os veciños de Lalín que mantiveron conversas co xeólogo holandés, quen dicía: "Non sei falar o galego pero entendo moi ben todo o que din
os galegos".

A pegada de J. Dirk Hilgen queda testemuñada nesta terra. A serra do Candán alberga o seu espírito e Lalín conserva os seus traballos, os seus materiais de traballo e a honra de ser a súa segunda Patria.