A guerra en Oriente Medio aumenta o IPC até o 3,8% na Galiza
A inflación repunta na Galiza este marzo, impulsada sobre todo polo encarecemento do transporte e da vivenda, nun contexto marcado pola subida dos combustíbeis e da enerxía.
Na Galiza, o Índice de Prezos de Consumo (IPC) incrementouse até o 3,8% neste mes de marzo en comparación co mesmo mes de 2025, o que supón unha subida de 1,3 puntos respecto de febreiro, segundo os datos publicados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este dato sitúase 0,4 puntos por riba da media estatal, xa que no conxunto do Estado español o IPC acadou o 3,4%, nun contexto marcado pola guerra no Irán, que provocou un forte aumento no prezo dos combustíbeis nas últimas semanas.
Na Galiza, os alimentos e as bebidas non alcohólicas encarecéronse un 3,6% no último ano, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco subiron un 4,1%, e o vestido e o calzado, un 3,7%. Pola súa parte, a vivenda, a auga, a electricidade, o gas e outros combustíbeis aumentaron un 5,3%, en liña co transporte, que rexistrou unha subida do 5,4%.
Os mobles e artigos do fogar incrementaron os seus prezos un 0,8% en marzo, mentres que as comunicacións apenas medraron un 0,1%. Pola contra, as actividades recreativas, o deporte e a cultura subiron un 2,6%. No que vai de ano, os prezos aumentaron un 1,4% na Galiza, fronte ao 1,1% rexistrado no conxunto do Estado, segundo o INE.