Interactivo

GRÁFICOS | Os alugueres subiron 62% na última década: así se dispararon os prezos desde 2015

Dúas persoas consultando a oferta de vivenda no escaparate dunha axencia inmobiliaria. (Foto: Matías Chiofalo)
A Coruña ten os prezos máis elevados, segundo os últimos datos do Observatorio da Vivenda.

Atopar unha vivenda en boas condicións e a un prezo asequíbel volveuse misión imposíbel para moitas persoas que ven como os alugueres soben a un ritmo moito maior do que o fan os seus salarios. De feito, a última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), publicada a comezos deste mes de setembro, situou máis unha vez a vivenda como a principal problema para as persoas residentes no Estado español (30,4% de mencións sobre o total). É a maior preocupación da xente desde decembro de 2024. Tamén na Galiza.

E non é para menos. Atendendo aos datos máis recentes que ofrece o Observatorio da Vivenda da Galiza, correspondentes a agosto pasado, o prezo medio dun aluguer mensual aumentou en 62,21% na última década, pasando dos 363,1 euros no ano 2015 aos 589 euros na actualidade. E só desde a pandemia, en 2020, hai agora cinco anos, o custo incrementouse en 34,29% - daquela a media situábase en 438,6 euros ao mes-.

Cos datos actuais relativos a 2025, aínda provisionais, o Observatorio sitúa A Coruña como a cidade máis cara para atopar un piso en aluguer, pois o custo é xa de 735,2 euros mensuais de media. Inmediatamente a continuación aparece Vigo (683,3 euros), seguida de Pontevedra (661,2 euros) e Compostela (641,7 euros).

Precisamente A Coruña foi xa recoñecida como 'zona tensionada' para o mercado residencial, o que, de acordo coa Lei estatal de vivenda, posibilitará -entre outras medidas- a aplicación dun 'tope' aos alugueres. No caso de Compostela, a Xunta segue a mostrarse reticente a aprobar esta mesma solicitude tamén formulada alegando cuestións técnicas.

As tres cidades restantes baixan dos 600 euros ao mes, se ben tamén experimentaron unha considerábel repunta nos últimos anos. Así, en Lugo o aluguer medio é de 565,3 euros; en Ferrol, de 553,4 euros, e en Ourense, a cidade máis económica do país, de 548,6 euros.