O Goberno galego achegou á sanidade privada máis de 2.170 millóns en 10 anos

A Xunta da Galiza entregou á sanidade privada 2.177,4 millóns de euros entre 2014 e 2023, último ano con datos dispoñíbeis. (Datos: Ministerio de Sanidade / Gráfico: Nós Diario)
O desenvolvemento da sanidade privada non se explica sen as políticas públicas impulsadas desde os gobernos. No caso galego, a Xunta da Galiza ten concertadas 1.504 camas hospitalarias, sendo de titularidade privada 18 centros médicos operativos no país. Algúns destes contratos están no foco do Consello de Contas.

O Goberno galego achegou á sanidade privada 245,8 millóns de euros no exercicio de 2023. Segundo as cifras fornecidas pola Estatística de Gasto Sanitario correspondente ao ano 2023, a última que vén de elaborar o Ministerio de Sanidade, as contribucións públicas aos  operadores sanitarios privados nesa anualidade aumentaron en 7%, superando en 17,2 millóns de euros as achegas que se produciran en 2022, que se situaron en 228,6 millóns de euros.

As subvencións públicas ás corporacións da sanidade privada marcaron en 2023, último ano con cifras, o seu máximo histórico. O Informe de fiscalización da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de 2023, o presentado polo Consello de Contas –ente fiscalizador da xestión económico-financeira do sector público galego–, sinala que 62,7% do total dos fondos están destinados a sufragar o gasto derivado da actividade realizada polos centros hospitalarios privados conforme á carteira de servizos concertada. O 38,6% restante correspóndese con outras prestacións sanitarias de operadores privados; entre elas, aquelas derivadas do dispositivo asistencial da saúde mental, dos programas especiais de hemodiálise, dos labores de rehabilitación ou fisioterapia e do conxunto das actividades asistenciais externalizadas polo Sergas.

A Xunta da Galiza achegou á atención especializada en concepto de concertos 154,2 millóns de euros en 2023. A efectos contábeis, inclúense nesta partida a totalidade das prestacións incorporadas á carteira de servizos concertada entre o Sergas e os distintos centros hospitalarios privados, variando os contidos de cada un en función das capacidades asistenciais das entidades contratistas. A maioría dos acordos recollidos nestes concertos cos grupos sanitarios privados inclúen diferentes probas diagnósticas, cirurxías ou servizos de resonancia magnética, medicina nuclear e TAC, sendo importante o número de profesionais que desenvolven a un tempo a súa actividade en centros públicos e tamén en privados. Neste sentido, os fondos destinados aos centros hospitalarios privados creceron 10,1% en relación co exercicio anterior.

Os contratos formalizados entre os grupos sanitarios privados e o Executivo galego están no foco da acción fiscalizadora do Consello de Contas. Así, no seu informe do ano 2023 afirma que "persiste a utilización de autorizacións de uso temporal para contratar, de forma directa, a prestación de servizos sanitarios sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, ademais de carecer das notas de excepcionalidade e de temporalidade que identificarían esta figura". Na mesma orientación, apunta que "15% do gasto se tramita con documentos ADOK como soporte –alcanzado os 37 millóns de euros en 2023–. Este gasto podería deberse a servizos prestados para os que se utilizou un fraccionamento dos importes co fin de darlle cobertura no canto de tramitar un novo expediente de contratación".

O Executivo galego entregou á sanidade privada un total de  2.177,4 millóns de euros entre 2014 e 2023. Neste sentido, destaca o importante aumento de fondos destinados á privada na última década, até o punto de incrementarse en 16,1%, resultando especialmente significativa a suba rexistrada nos tres últimos anos con datos. Estas políticas do Goberno galego favoreceron un importante desenvolvemento do negocio sanitario. A este respecto, o último informe da Fundación Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (Idis), entidade que aglutina o sector sanitario privado, contando no seu padroado con 12 representantes dos principais grupos de hospitais e de clínicas privadas aseguradoras, sinala que en 2023 Galiza contaba con 18 hospitais de titularidade privada.

O noso país contaba naquela altura con 2.156 camas hospitalarias de xestión privada, que representan 22,3% do total do sistema sanitario galego. Neste sentido, 1.504 delas estaban concertadas polo Goberno galego e outras 652 non estaban suxeitas a ese réxime.

Os donos da sanidade privada na Galiza

O negocio da sanidade privada na Galiza está en mans das grandes multinacionais do sector. Así, o primeiro operador en número de prazas é o grupo francés Vivalto Santé, titular de catro centros médicos no país, entre eles o de Povisa (Vigo), e de até 803 prazas. A continuación sitúase o grupo Quirón, pertencente ao xigante alemán da saúde Fresenius Helios, con oito centros médicos, seguido de Hospitales de Madrid (HM), propiedade da familia Abarca Cidón, con catro.