O Goberno estatal activa 1.000 millóns en avais fronte aos aranceis

Carlos Cuerpo (segundo pola esquerda), esta terza feira, en Washington. (Foto: C. C.)
É a primeira liña dun total de 5.000 millóns de euros.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira a posta en marcha do primeiro tramo da liña de avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) por valor de 1.000 millóns de euros para empresas afectadas polas novas medidas arancelarias aprobadas polos Estados Unidos. A liña de avais está dotada cun total de 5.000 millóns de euros, tal e como estipula o real decreto-lei aprobado a semana pasada polo Goberno español.

Mediante o acordo de Consello de Ministros actívase o primeiro tramo por importe de 1.000 millóns de euros e fíxanse as condicións aplicábeis e requisitos a cumprir para acceder a estes fondos.

A esta liña de financiamento, que será xestionada polo Instituto de Crédito Oficial, en colaboración coas entidades financeiras, poderán acceder as empresas exportadoras e importadoras que teñan unha exposición significativa, directa ou indirecta, ao mercado de EUA. Terán esa consideración aquelas empresas cuxo volume de exportacións e importacións a Estados Unidos sexa superior a 5% do total.

Dúas modalidades

A liña de avais articúlase en dúas modalidades en función do destino ou finalidade do financiamento. A primeira modalidade está dirixida a cubrir as necesidades de liquidez a curto prazo das empresas afectadas. O aval poderá cubrir até 80% do empréstito concedido pola entidade financeira e o prazo de amortización dos préstamos será de ata cinco anos, cun de carencia. Esta modalidade, que se espera que sexa a máis demandada nun primeiro momento, está dotada inicialmente con 750 millóns de euros.

A segunda modalidade está dirixida a garantir préstamos destinados a proxectos de reconversión ou transformación empresarial. Poderase financiar até o 80% do valor do investimento e até o 100% do circulante asociado ao proxecto de investimento. A cobertura do aval poderá ser de até 80% e o prazo de amortización dos empréstitos de até 10 anos.