O Goberno español quere autorizar na Galiza 5.197 megawatts eólicos en zonas prohibidas
O Ministerio para a Transición Ecolóxica tramita neste momento na Galiza 5.197 megawatts eólicos en zonas non permitidas para esta actividade. A potencia eólica en fase de autorización polo Executivo estatal supera a instalada actualmente no país, cifrada en 3.800 megawatts. Un boa parte destes novos parques vai proxectada en zonas da Rede Natura 2000 e todos eles atópanse fóra da área delimitada no Plan sectorial eólico.
A avalancha de proxectos eólicos presentados diante dos Executivos estatal e galego rexistra máximos históricos. Segundo a información achegada polo Ministerio, o Goberno do Estado tramita actualmente a autorización de arredor de 8.000 megawatts, 5.197 dos cales, repartidos en 65 proxectos, están localizados en áreas non autorizadas para este tipo de actividade.
Tanto é así, que a Xunta da Galiza recoñece ter informado desfavorabelmente dos mesmos, malia carecer de competencias para a súa aprobación.
Os argumentos empregados polo Goberno galego para oporse a estes parques é que están situados en espazos da Rede Natura e, en todo caso, fóra das áreas de desenvolvemento eólico autorizadas pola Administración galega.
Neste sentido, a Xunta sinala que ten rexeitado desde 2020, 84 proxectos eólicos, cunha potencia total de 2.295 megawatts, cuxa autorización se tramitou diante do Executivo galego.
A posta en marcha das instalacións tramitadas polo Estado representarían un duro golpe para o patrimonio ambiental e cultural da Galiza. Actualmente, xa están ocupadas por instalacións eólicas máis de 107.063 hectáreas da Rede Natura, un espazo conformado no país por, aproximadamente, 320.000 hectáreas.
A este respecto, o Consello da Cultura Galega ten denunciado que “nalgúns casos, case a totalidade da Rede Natura” é ocupada por complexos eólicos, como acontece nos espazos protexidos de Brañas do Xestoso en Silleda, Estaca de Bares en Mañón, Monte Maior en Viveiro, Monte Aloia en Tui ou Xubia-Castro na zona do Eume.
A Xunta autorizou eólicas na Rede Natura
Por outra parte, a Xunta permitiu a instalación de 54 parques eólicos cunha potencia de 1.274 megawatts na Rede Natura. O Observatorio Eólico da Galiza destaca que 28 deles localízanse na área protexida da Serra do Xistral, onde se xeran 649 megawatts. Precisamente nesta zona, prodúcese a maior concentracións eólica da Galiza.