O GDR Pontevedra Morrazo lanza unha campaña para impulsar a transición cara a un modelo de prevención estrutural dos incendios

Un bombeiro forestal participa nos labores de extinción do lume primixenio en Pantón. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A campaña "Paisaxes resilientes contra o lume" parte da evidencia científica e técnica que conclúe que a maior parte dos grandes incendios están asociados a paisaxes homoxéneas, degradadas, con elevada continuidade horizontal e vertical do combustíbel, resultado do abandono rural, da fragmentación da propiedade e da expansión de monocultivos forestais altamente inflamábeis.

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Morrazo promove a campaña de sensibilización ambiental "Paisaxes resilientes contra o lume: O momento é agora!", unha iniciativa que pon o foco na resiliencia paisaxística como ferramenta clave de prevención fronte aos incendios forestais.

A campaña parte da evidencia científica e técnica que conclúe que a maior parte dos grandes incendios están asociados a paisaxes homoxéneas, degradadas, con elevada continuidade horizontal e vertical do combustíbel, resultado do abandono rural, da fragmentación da propiedade e da expansión de monocultivos forestais altamente inflamábeis.

Un modelo de prevención baseado na infraestrutura verde

A mensaxe central da campaña é que a prevención non pode fundamentarse unicamente nos medios de extinción, senón na planificación paisaxística e na creación de infraestruturas verdes de autoprotección, capaces de reducir a probabilidade de ignición, limitar a velocidade e intensidade da propagación, mellorar a seguridade das comunidades, e acelerar a recuperación natural post-incendio.

Esta perspectiva integra factores ecolóxicos, socioeconómicos e territoriais, acorde coas máis recentes recomendacións de planificación forestal e adaptación ao cambio climático.

Liñas estratéxicas da resiliencia paisaxística

A campaña estrutura a súa mensaxe en catro eixos fundamentais:

  1. Configuración de paisaxes mosaico. Fragmentación planificada das grandes masas forestais mediante prados, cultivos, arborado autóctono, faixas abertas e espazos multifuncionais que reducen a continuidade do combustible e melloran a accesibilidade.
  1. Diversificación forestal e silvicultura preventiva. Integración de especies autóctonas menos inflamables, cortes estratéxicos, xestión do sotobosque e modelos silvícolas orientados á resiliencia, biodiversidade e estabilidade estrutural.
  1. Integración de agricultura e gandería extensiva. Uso de pastoreo, cultivos e zonas agrícolas como ferramentas de xestión do combustíbel, reforzando o tecido socioeconómico rural e contribuíndo á prevención activa.
  1. Ordenación territorial e planificación da interface urbano-forestal. Creación de faixas de protección, corredores verdes, infraestruturas de baixa inflamabilidade, planificación de usos do solo e gobernanza cooperativa da paisaxe.

Un recurso audiovisual para sensibilizar e mobilizar

A campaña emprega como ferramenta principal un vídeo divulgativo, pensado para achegar á cidadanía e ás administracións unha visión clara e técnica da problemática, promover boas prácticas de xestión do territorio, e fomentar un debate social informado que impulse a transición cara modelos de prevención estrutural.

Unha aposta pola innovación na xestión do risco

Investir en resiliencia paisaxística reduce a dependencia de medidas de extinción caras e temporais, multiplica beneficios ambientais e socioeconómicos e recupera o vínculo co rural

A iniciativa inscríbese nas estratexias de desenvolvemento rural sostíbel e e na adaptación territorial aos efectos do cambio climático.

Financiamento

O proxecto está promovido polo GDR Pontevedra Morrazo e cofinanciado pola Unión Europea, Ministerio de Agricultura e Xunta da Galiza con fondos LEADER (PEPAC 2023–2027).