Gandeiros denuncian "indefensión" na firma dos novos contratos lácteos: "Os prezos foron impostos"
A Federación Rural Galega (Fruga) volveu denunciar esta quinta feira, 2 de abril, as "maneiras" nas que os gandeiros e gandeiras da Galiza tiveron que asinar os novos contratos do leite, finalizando o 31 de marzo —chegando a asinalo algúns un día despois—, e a "falta de negociación co sector". Elías Somoza, presidente da Fruga, en declaracións a 'Nós Diario', denunciou que "as empresas presentaron os contratos con precios impostos sen opción a ningún tipo de negociación por parte dos gandeiros e das gandeiras".
Aqueles que se resitiron nun principio a asinalos "víronse afectados, atrasando as entregas do leite por non ter o contrato asinado". Ante esta situación, desde a Fruga volven criticar a "falta de negoaciación" e a figura das organizacións dos productores, que "deberían" ser as encargadas de manter a negociación entre empresas e gandeiros, e que "non fixeron nada".
"A Xunta mira para outro lado"
No medio desta situación, que os gandeiros e gandeiras veñen denunciando e pola que se mobilizan desde hai semanas, desde a Fruga tamén critican a "inacción" do Goberno galego. "A administracion mira como se isto non fose con ela, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, con baixadas de até 10 céntimos por litro, non toma cartas no asunto e non estabelece ningun tipo de diálogo", lamenta Somoza, que confesa a este xornal que os gandeiros se atopan nunha situación de "indefensión total e absoluta". "Fálase moito da Lei da cadea alimantaria, mais queda nunha declaración de intencións e non se aplica", engade. A solución que lles queda é "firmar ou quedar sen que se che recolla o leite".
Os prezos actuais
Os prezos do leite actuais manteranse polo menos durante os próximos catro meses. Viñeron acompañados de importantes reducións de entre 5 e 10 céntimos por litro, en función da industria e das primas complementarias que perciba a granxa. A perda sería aínda maior debido ao incremento dos custos de produción das explotacións, que, segundo a organización gandeira Agromuralla, suporía unha diferenza de até 15 céntimos por litro con respecto ás marxes actuais das granxas. Todo sobre un prezo aproximado até o de agora de 53 céntimos/litro.