Galiza tan só consumiu 60% da enerxía eléctrica que produciu ao longo de 2024

O encoro de Velle, situado no municipio de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Galiza xera moita máis electricidade da que demanda, tanto que pode cubrir o consumo e, con creces, só a través de fontes renovábeis. Ao longo do pasado ano, o país só empregou 60% da enerxía eléctrica total que produciu.

A produción galega de electricidade en 2024 alcanzou un total de 23.077.143 megawatts á hora (MWh) –é dicir, algo máis de 23.077 xigawatts á hora (XWh)–, o que implicou unha xeración 66,3% superior á demanda total desta enerxía durante o período, que foi de 13.878.608 MWh, segundo os últimos datos publicados por Rede Eléctrica –provisionais até a publicación do preceptivo informe anual en primavera–.

Expresado doutro modo, Galiza tan só consumiu o pasado ano 60% da enerxía que foi xerada nas instalacións de produción eléctrica implantadas ao longo e largo do territorio do país. Ademais, o saldo entre as entradas e as saídas de electricidade do territorio galego foi de 8.814.644 MWh, o que supón que Galiza exportou 38,2% da enerxía eléctrica que produciu en 2024. Pola súa parte, 383.891 MWh perdéronse no saldo de almacenamento (1,7% da xeración).

Alén destas cifras, na Galiza producíronse 19.517.725 MWh renovábeis no conxunto do ano, o que supuxo que 84,6% da electricidade tivo como fonte unha destas tecnoloxías. Neste sentido, a xeración das chamadas 'enerxías limpas' superou amplamente o consumo, sendo 40,6% maior que a demanda. Desta forma, a taxa de produción eléctrica renovábel galega (84,6%) ficou até 27,8 puntos porcentuais por riba da estatal (56,8%). Por outra parte, Galiza produciu 13,1% da electricidade xerada a nivel estatal a partir das fontes renovábeis.

Así, tan só a enerxía hidráulica, cunha produción de 10.130.802 MWh, supuxo 43,9% da xeración de electricidade na Galiza o pasado ano. Seguiuna a enerxía eólica, con 38,4%. Outras fontes renovábeis ficaron en 2,3%. Entres as enerxías non renovábeis –con 15,4% da produción–, o ciclo combinado concentrou 9,2% da produción total, a co-xeración 5,4% e os residuos non renovábeis. 0,7%.

A grande explotación dos recursos hídricos galegos

10.131 xigawatts á hora (XWh) dos 34.912 XWh producidos no conxunto do Estado español con enerxía hidráulica durante o ano 2024 foron xerados na Galiza. Deste modo, a explotación dos ríos do país supuxo 29% da produción estatal con esta enerxía, polo que practicamente un de cada tres xigawatts xerados con esta tecnoloxía tiveron orixe no aproveitamento dos recursos hídricos do territorio galego. No que atinxe á enerxía eólica, Galiza sumou 14,5% de toda a xeración de electricidade con esta tecnoloxía no Estado español.

A diferenza entre a produción e o consumo de electricidade na Galiza, así como o peso das enerxías renovábeis a nivel galego, contrastou cos datos referentes a outras autonomías do Estado español, pois outros territorios  tiveron unha forte dependencia das comunidades que, como a galega, produciron moito máis do que precisaron. Neste sentido, Madrid representou o exemplo paradigmático, posto que importou até 95,6% da enerxía eléctrica que consumiu o pasado ano. Así, só produciu pouco máis de 1.000 XWh dos 27.500 que consumiu e, ademais, menos da metade desta electricidade foi xerada con renovábeis.

Dependencia da nuclear

A pesar de que o Estado español xerou máis electricidade da que demandou durante o 2024, a marxe foi estreita, xa que logrou exportar 10.227 XWh, só 3,9% da enerxía eléctrica que produciu o pasado ano –lonxe de datos como o da Galiza, onde esta exportación cara a outros territorios chegou a 38,2%–.

Mentres a nivel galego quedou amplamente cuberta a demanda a través das renovábeis, o sistema eléctrico español segue a ser altamente dependente de enerxías como a nuclear –sen presenza na Galiza–, que achegou en 2024 un quinto da produción a nivel estatal. Sen a nuclear, o saldo de intercambios internacionais de electricidade do Estado cambiaría por completo e pasaría a ser negativo, cun déficit que superaría os 40.000 XWh.

A pesar disto, e da votación no Congreso que pediu paralizar o fechamento das centrais nucleares, a vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, insistiu en que o calendario de clausura do parque nuclear, previsto entre os anos 2027 e 2035, foi acordado polas empresas e plasmado nun protocolo asinado en 2019. Ademais, ningunha das compañías titulares das centrais pediu a súa modificación, segundo afirmou.

Suba da demanda mundial

A demanda mundial de electricidade acelerarase nos próximos anos a medida que se expandan os sectores que máis enerxía consomen, segundo destacou a Axencia Internacional da Enerxía, que prognosticou un crecemento medio anual do consumo eléctrico global que roldará 4% até, cando menos, o ano 2027.

No seu informe sobre o mercado da electricidade no mundo, a axencia sinalou o crecente consumo eléctrico por parte da industria, do aire acondicionado, da electrificación da sociedade e dos centros de datos –impulsado neste caso en boa medida polas necesidades da intelixencia artificial– como principais motores do incremento da demanda desta enerxía a nivel global.

Transición enerxética: Bruxelas non ten en conta os esforzos de cada territorio

A Comisión Europea deu a pasada semana un ultimato ao Estado español para que cumpra coa normativa comunitaria que exixe simplificar e axilizar os permisos para proxectos de enerxías renovábeis e infraestruturas para integrar recursos adicionais ao sistema eléctrico. Os estados da Unión Europea (UE) tiñan a obriga de trasladar á súa lexislación esta directiva en xullo de 2024, e esta supón dar facilidades á implantación dos proxectos enerxéticos con menos controis, aínda naqueles lugares que, como a Galiza, xa teñen moito terreo avanzado na transición enerxética. Neste sentido, a nivel galego, 84,5% da produción eléctrica realízase xa con 'tecnoloxías limpas'.

Posíbel denuncia

O aviso ten a forma dun ditame motivado, segunda fase nun procedemento de infracción, e dá ás autoridades un novo prazo de dous meses para resolver as irregularidades que xa lles notificou Bruxelas en setembro do pasado ano. De cumprirse esta segunda fase sen que o Goberno español resolvese a situación, os servizos comunitarios poderán denunciar o Estado por incumprimento da directiva ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE). Bulgaria, Francia, Italia, Chipre, os Países Baixos, Eslovaquia e Suecia tamén recibiron o ultimato.