Galiza perdeu 2.953 empregos desde antes da Gran Recesión e o Estado gañou 1,9 millóns

Unha oficina de emprego na cidade de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións vén de presentar como históricos os datos de afiliacións á Seguridade Social no último mes de 2024. Mentres no Estado o número de ocupados incrementouse en perto de dous millóns de persoas na Galiza continúa por baixo  os niveis previos á Gran Recesión.

Galiza fechou 2024 cun total de 1.079.573 persoas afiliadas á Seguridade Social, tras incrementarse o número de cotizantes ao longo do ano en 17.290, cun importante peso da  contratación temporal, que representa 65,8% do total

O numero de afiliacións á Seguridade Social continúa por baixo dos niveis previos á Gran Recesión. Neste sentido, o país contaba a 31 de decembro de 2024 con 2.953 cotizantes menos que no mesmo mes de 2007, cando Galiza declaraba 1.082.508 ocupados.

O número de traballadores e traballadoras é inferior a 2007 en todos os réximes da seguridade social, agás no Réxime Xeral, onde o empuxe do sector servizos permite contabilizar 64.574 ocupados máis que con anterioridade á Gran Recesión.

O emprego autónomo

O Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) rematou 2024 con 35.244 cotizantes que en 2007. Se a 31 de decembro de 2007 contaba con 239.032 galegos e galegas inscritos, ao remate do ano pasado sumaba 203.788.

O descenso do emprego autónomo afectou aos diversos sectores de actividade económica. Se entre en 2008 e 2011 golpeou de xeito máis duro a aqueles perfís profesionais ligados á construción, nos últimos seis anos a crise máis dura padeceuna o comercio retallista.

A ocupación medra no Estado

O comportamento do emprego na Galiza contrasta coa do Estado. Mentres no remate de 2007 rexistraba 19.372.777 persoas afiliadas no conxunto dos réximes da Seguridade Social, esta cifra situábase en 21.337.962 persoas.

O Estado conta con 1.956.185 ocupados máis que no momento previo á Gran Recesión, o que demostra unha vitalidade económica superior á galega. Neste caso, o sector servizos é, tamén, o gran motor da creación de emprego.