Análise

Galiza-Aragón: xeración eléctrica renovábel

Parque eólico de Copenhagen Infrastructure Partners (CIP) Nos Monegros, Aragón. (Foto: CIP)

Colectivo Bidán son Quico da Silva e Fernando Branco.

É coñecida a campaña nos medios sobre o sector eólico protagonizada por diversas patronais, sindicatos estatais (incluído o dirixente que fichou Altri), as propias eléctricas, cargos públicos..., mesmo con ataques a decisións xudiciais.

Noutro chanzo máis, novidoso, agora ponse o exemplo de Aragón e os logros que ten debido aos seus eólicos. Estratexia sospeitosa, xa que no mundo da "datificación", do uso dos datos en calquera ámbito, estes nin se achegan; será que non soportan o relato do que se quere vender?

A información oficial de Rede Eléctrica para o período xaneiro-novembro deste ano 2024, a falta de pechar decembro, mostra no caso de Aragón unha potencia renovábel instalada de 9.585 MW, dos que 5.487 MW son de eólica e o resto de fotovoltaica e hidroeléctrica, mentres que Galiza ten 7.751 MW, con 3.910 MW eólicos complementados con hidroeléctrica e unha fotovoltaica testemuñal.

Potencia e produción

Estes datos semellan máis favorábeis a Aragón, pero unha cousa é a potencia instalada e outra ben distinta a produción real. No que vai de ano, a xeración con renovábeis en Aragón foi de 15.378 GWh, e na de Galiza 18.046 GWh. Atendendo só a eólica, Aragón produciu 8.655 GWh e Galiza 8.208 GWh.
Como se pode apreciar, a maior potencia eólica de Aragón ten case que a mesma xeración que a menor de Galiza, onde os aeroxeradores funcionan, de media, máis horas ao ano (2.100 fronte ás case 1.600 en Aragón), o dato relevante.

Aínda máis, mentres que na fotovoltaica Aragón arrasa en produción (3.971 GWh contra os 21 GWh), na hidroeléctrica Galiza máis que triplica a xeración de Aragón, con 9.374 GWh  fronte a 2.715 GWh.

E todo o anterior ten lugar en territorios moi diferenciados en extensión, cunha Galiza moito máis pequena, o que a sitúa, segundo o Consello Económico e Social, como a Comunidade do Estado de maior densidade de potencia eólica.

A maior potencia eólica de Aragón ten case que a mesma xeración que a menor de Galiza, onde os aeroxeradores funcionan máis horas ao ano

Outro factor que subliñan é a elección de Aragón como localización dos centros de datos, mais sen relación algunha coa súa situación no eixo da rede de comunicacións Madrid-Barcelona e no centro do cuadrante económico Barcelona-Bilbao-Madrid-Valencia, onde se concentra 70% dos centros de datos, aínda sendo comunidades deficitarias en electricidade renovábel.

No seu contraste entre Aragón e Galiza, "esqueceron" outras informacións significativas. Aragón foi a primeira en rescatar para a xestión pública concesións hidroeléctricas vencidas e na Galiza aínda temos centrais que manteñen a concesión dende hai máis de 75 anos, máximo temporal fixado pola actual Lei de Augas.

Factura eléctrica

Tamén se poden comparar na aplicación da chamada Transición Xusta, derivada do peche das centrais térmicas de carbón, atendendo ao instrumento fulcral e aos elementos máis cobizados, o Concurso de Transición Xusta e os nodos públicos de evacuación; mentres que as capacidades liberadas na Galiza (550 MW de Meirama e 1.400 MW nas Pontes) "desapareceron" e polo tanto non houbo Concurso, a potencia desocupada pola central de Andorra (Teruel) foi a primeira concursada, cunha empresa gañadora obrigada a cumprir en investimentos empresariais e en prazos concretos para non perder a fianza e o dereito de evacuación, que pasaría á seguinte proposta. Galiza ten promesas de investimentos e Aragón compromisos.

No ámbito lexislativo débese subliñar o decreto-lei aragonés, recorrido polo Estado e anulado polo Constitucional por defecto na tramitación que, en aplicación da súas competencias, que tamén ten Galiza, pretendía o seu propio modelo enerxético, xustificado no seu balance positivo de xeración de electricidade renovábel para, entre outros obxectivos, reducir a factura eléctrica a cidadáns e empresas, sen esperar, como a Xunta, a que o faga o "mercado". Lembremos, tamén, as demandas de presidentes do goberno e de deputacións provincias aragonesas dunha tarifa eléctrica propia, mentres que na Galiza os mesmos cargos defenden a "tarifa única".

A comparación completa volve evidenciar que para que Galiza supere a realidade dun territorio só para a instalación de renovábeis e se desenvolva, con todo o valor engadido, neste cambio de paradigma no modelo enerxético, precisa dunha integración de políticas propias enerxéticas, industriais, ambientais, e, sobre de todo, sociais.

Aínda cun déficit enerxético, igual que Europa, o problema actual de Galiza non é de xeración eléctrica; para mudar a situación débese descarbonizar e incrementar os usos da electricidade de orixe renovábel. Por iso, no caso galego e neste momento concreto, o foco debe estar no consumo.