Gadis mantense no top 10 estatal dos supermercados máis sostíbeis
Gadis situouse de novo no top 10 estatal das empresas do seu sector máis responsábel en termos de Enviromental, Social and Governance (ESG). Así o revela o último informe Merco Responsabilidade ESG correspondente ao ano 2024, no que Gadis figura no sétimo posto.
Este estudo inclúe as compañías que desenvolven a súa actividade no Estado español e que obteñen unha mellor valoración ao medir o compromiso co medioambiente e o cambio climático, a responsabilidade co equipo humano, a relación cos clientes e a sociedade, así como a nivel ético e de transparencia e bo goberno, segundo explica a empresa. O propósito da cadea de supermercados 100% galega, engade a firma, é "xerar impacto positivo na súa contorna a través da sostibilidade económica, social e medioambiental".
Desta maneira, Supermercados Gadis "repite como a única cadea galega de alimentación e distribución" presente no top 10 da clasificación sectorial, un feito que "confirma o seu obxectivo de mellorar o benestar social a través do desenvolvemento da súa actividade empresarial".
Ademais, recalca a compañía, defende un modelo de negocio sostíbel en toda a cadea de valor, co cal contribúe á vertebración do territorio da Galiza prestando un servizo esencial.