A folga indefinida de transportes por estrada retomarase o día 11 se non hai acordo

Mobilización do transporte por estrada. (Foto: Nós Diario)

Así se deicidiu en asembleas nas que tomaron parte 500 traballadores e traballadoras.

A folga de transportes de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña retomarase a vindeira cuarta feira, día 11, con carácter indefinido, no caso de non alcanzar un acordo na reunión prevista este luns entre os sindicatos e a patronal.

Así o confirmou o portavoz da CIG, Inácio Pavón, quen indicou que nas asembleas feitas esta secxta feira na Coruña, Ferrol e Santiago participaron máis de 500 traballadores.

Todo iso despois de que a pasada cuarta feira o persoal do transporte de viaxeiros por estrada na provincia da Coruña acordase mostrar o seu rexeitamento, de maneira maioritaria, ao preacordo subscrito coa patronal.

Unha reacción que chegou após a sinatura do preacordo por parte dos sindicatos UXT e CCOO. Pola súa parte, a CIG, non o subscribiu ao entender que os avances eran "mínimos" en materia salarial e laboral.

Con todo, CIG, UXT e CC.OO reuniranse esta segunda feira coa patronal para tratar de chegar a un acordo e evitar así unha folga indefinida no sector.

Neste contexto, a CIG lamenta tanto o papel do Consello Galego de Relacións Laborais como, "unha vez máis", o da Xunta de Galiza que permanece ausente dende o inicio do conflito, "cando debería estar facendo todas as xestións necesarias para atopar unha solución, tendo en conta a importancia servizo público e dos intentos da patronal de querer impor unhas condicións que foron categoricamente rexeitadas polos traballadores e traballadoras".