A Feira do Poldro e do Gando do Monte mostra o potencial gandeiro de Muras
Muras (A Terra Chá) acollerá este domingo a Feira do Poldro e do Gando do Monte, unha das citas máis importantes para este municipio. O evento naceu hai 37 anos e pon de manifesto a especialización gandeira da vila. A cargo da súa organización está a tenente de alcalde, Paula Gómez, que lembra a Nós Diario que a iniciativa "continúa na mesma liña de promover a calidade da carne que temos, tanto de poldro como de vacún".
Neste sentido, pon os datos enriba da mesa e recorda que na actualidade contan con 143 explotacións de vacún e 5.851 bovinos, uns indicadores moi por riba da media galega, tendo o concello 0,24 explotacións de vacún por habitante, o maior dato da Galiza.
"Este ano ofrecerémoslles tres cargadoiros á veciñanza para facilitar a venda de animais", indica Gómez. O ano pasado había dous instalados, polo que para a responsábel da organización sumar outro "indica o éxito da proposta".
Marca Muras
Para fomentar a promoción da carne e doutros produtos que nacen neste municipio o Concello aposta pola Marca Muras. A tenente de alcalde sinala que non só se aplica á feira desta fin de semana, senón tamén "á Feira do Mel de Montaña ou á Romaxe Artesá da Chaira". Coa intención de pór no mapa as explotacións gandeiras que participan no encontro hai unha serie de premios "para quen leva o maior número de cabezas, quen ten o mellor semental, a maior vaca ou mesmo o maior lote", aclara Gómez.
Alén do tema económico, non é menor o lúdico, polo que o domingo haberá actividades para todo os públicos. "Esta feira é da xente, da que vende mais tamén da que nos visita. Sen ela non funcionaría", conclúe.