Facenda apraza até 2027 a entrada en vigor do sistema de facturación dixital 'Verifactu'

Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Estaba previsto que Verifactu fose obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2026 para empresas cunha facturación inferior a seis millóns de euros, e desde o 1 de xullo dese mesmo ano para máis de 3,4 millóns de autónomos.

O Goberno español aprobou esta terza feira un real decreto que inclúe a ampliación nun ano do prazo para a entrada en vigor do sistema 'Verifactu', que promove a dixitalización dos procesos de facturación nas empresas, segundo confirmaron fontes do Ministerio de Facenda.

O propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, foi quen avanzou nunha entrevista en Rac1 a ampliación deste prazo, que se trata dun compromiso adquirido coa formación independentista Junts per Catalunya.

Estaba previsto que Verifactu fose obrigatorio a partir do 1 de xaneiro de 2026 para empresas cunha facturación inferior a seis millóns de euros, e desde o 1 de xullo dese mesmo ano para máis de 3,4 millóns de autónomos.

Con todo, agora eses prazos alónganse un ano, polo que se lles esixirá a partir do 1 de xaneiro de 2027 para empresas cunha facturación inferior a seis millóns de euros, e desde o 1 de xullo dese mesmo ano para máis de 3,4 millóns de autónomos.

Impulsado pola Lei Antifraude, Verifactu regula os sistemas informáticos de facturación e persegue maior rastrexabilidade e garantías fronte á manipulación neste tipo de procesos.

Así, a partir de 2027, millóns de pemes e autónomos estarán obrigados a emitir as súas facturas a través de software certificado, xerando un rexistro único, inalterábel e trazábel. O obxectivo é reforzar a transparencia fiscal e evitar prácticas opacas, facendo que calquera cambio quede documentado mediante unha factura rectificativa vinculada á orixinal, eliminando a práctica habitual de "borrar e volver facer", que dificulta o control fiscal.