O fabricante dos aspiradores Roomba declárase en quebra e pasará a mans da chinesa Picea
A estadounidense iRobot inicia un proceso de bancarrota voluntaria e deixará de cotizar en Nasdaq tras un acordo de reestruturación que supón a perda total do investimento para o accionariado.
A empresa estadounidense iRobot, coñecida polos aspiradores robot Roomba, iniciou xunto a varias das súas filiais un proceso voluntario de quebra acollido ao Capítulo 11 da Lei de Quebras dos EUA, no marco dun acordo de reestruturación coa compañía chinesa Shenzhen Picea Robotics e coa súa subsidiaria Santrum Hong Kong. A operación permitirá a Picea adquirir o 100% da compañía, que deixará de cotizar no mercado Nasdaq.
Segundo informou a propia empresa, iRobot continuará operando con normalidade durante o proceso concursal e prevé completalo en febreiro de 2026. A dirección considera que o acordo é "un paso crucial" para reforzar a base financeira da compañía e situala nunha posición máis sólida de cara ao crecemento a longo prazo.
De acordo cos termos pactados, Picea —principal prestamista e fabricante de iRobot— pasará a controlar a totalidade das accións, o que permitirá reducir a débeda e impulsar a innovación no ámbito da robótica e dos dispositivos domésticos intelixentes. Unha vez finalizada a operación, iRobot converterase nunha empresa privada integramente propiedade do grupo chinés.
A compañía advertiu de que, se o Tribunal do Distrito de Delaware aproba o plan de bancarrota, os actuais accionistas non recibirán participación ningunha na empresa reorganizada, polo que sufrirán unha perda total do seu investimento. "Os accionistas non recuperarán o capital achegado", sinala iRobot no comunicado.
O conselleiro delegado da firma, Gary Cohen, asegurou que "este anuncio marca un fito decisivo para garantir o futuro a longo prazo de iRobot", unha empresa fundada en 1990 e que saíra a bolsa en 2005. Xa en marzo deste ano, a compañía advertira de "dúbidas substanciais" sobre a súa capacidade para continuar operando, debido á crecente competencia, ás condicións macroeconómicas e ao impacto dos aranceis sobre a demanda.
A situación agravouse tras a cancelación, en xaneiro de 2024, do acordo polo que Amazon pretendía adquirir iRobot. A multinacional do comercio electrónico desistiu da operación ante a previsión de que non obtería o visto e prace dos reguladores da UE, que advertiran de posíbeis restricións á competencia. Tras o fracaso desa compra, iRobot puxo en marcha un duro plan de reestruturación que incluíu un recorte de máis do 50% do cadro de persoal.