O Executivo español salva unha nova bóla de partido coa aprobación da reforma fiscal

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, onte tras a aprobación da reforma fiscal no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
A estabilidade do Goberno español nesta lexislatura prosegue o seu camiño sobre o fío da navalla unha vez tras outra. A votación desta quinta feira no Congreso, salvada 'in extremis', foi un novo exemplo no que o Executivo liderado por Pedro Sánchez salva unha bóla de partido. A reforma fiscal, a pesar de todo, saíu finalmente adiante. Sánchez destaca que a lei permitirá acceder aos fondos comunitarios.

A incerteza era máxima e a votación supuña unha nova proba de fogo para o Goberno español, mais finalmente a reforma fiscal saíu adiante esta quinta feira no Congreso. En orixe, esta consistía na transposición dunha directiva comunitaria que estabelece un novo imposto mínimo global de 15% ás empresas multinacionais, mais outros tributos tamén se sumaron á súa redacción final.

A nova lei contou co apoio de PSOE, Sumar, BNG, ERC, Junts, Bildu, PNV, Podemos e Coalición Canaria; mentres que PP, Vox e UPN votaron en contra. O ex ministro socialista José Luis Ábalos, agora integrado no Grupo Mixto, non acudiu á votación.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, celebrou a aprobación da reforma fiscal e sinalou que é un paso fundamental para financiar os servizos públicos e seguir recibindo fondos comunitarios.

Antes da votación, Podemos anunciou un acordo co PSOE para impulsar unha nova proposición de lei que regule o imposto ás enerxéticas a cambio do seu apoio á reforma, o que despexou as dúbidas sobre a aprobación. Con todo, se non se conseguise o consenso necesario antes do 31 de decembro, o Goberno estatal comprometeuse a aprobar un decreto lei que prorrogue este gravame en 2025, algo que o Ministerio de Facenda xa comprometera son BNG, ERC e Bildu.

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, mostrou o seu agradecemento aos grupos políticos no Congreso que fixeron posíbel o acordo sobre a lei do imposto ás multinacionais, na que se engadiu parte do paquete fiscal que o Goberno español anunciara.

Montero agradeceu a capacidade de diálogo para chegar a consensos que permiten "construír un sistema fiscal máis xusto e máis redistributivo". Desde a outra á do Executivo estatal, o deputado de Sumar, Carlos Martín Urriza, dixo que a súa formación non vai renunciar a unha reforma fiscal de máis alcance.

Neste sentido, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, considerou a aprobación da reforma como "o primeiro partido que se debe dar para conseguir avanzar cara a unha maior xustiza e progresividade fiscal". "A política consecuentemente de esquerdas consiste en baixar impostos á clase traballadora e ás clases populares e subírllelos aos ricos e ás grandes corporacións", dixo. "Que pague máis quen máis ten para conseguir tamén que poida pagar menos quen afronta maiores dificultades", acrecentou o nacionalista.

Pola contra, as críticas chegaron desde o PP coa intervención de Pedro Pui, que lamentou que a tramitación dun imposto consensuado a nivel internacional, europeo e estatal, tornase nun "despropósito tributario, nun exercicio de populismo e na conversión dunha reforma fiscal".

Imposto ás enerxéticas

Unha das cuestións clave no debate desta quinta feira foi o acordo para prorrogar o imposto ás enerxéticas. "Non deixaremos de reclamar un modelo diferente, baseado no control público do sector eléctrico e do conxunto do enerxético, por ser un sector estratéxico da economía, mais o mínimo que podemos e debemos exixir é que paguen impostos en relación co volume de negocio e os lucros obtidos", defendeu Rego.

Tras a "esperpéntica" xornada vivida na tramitación da lei, o nacionalista urxiu o Executivo español a cumprir o compromiso con BNG, Bildu e ERC presentando "na maior brevidade posíbel" o decreto lei.

A deputada de ERC, Pilar Vallugera, celebrou o acordo paralelo a este paquete para prorrogar o imposto ás enerxéticas e subliñou que se está demostrando que o sistema impositivo non é o elemento fundamental á hora de decidir deslocalizacións. "Por tanto, acabouse a chantaxe sistemática das enerxéticas cara aos gobernantes", sentenciou.

"Isto é só un primeiro paso e así debe entenderse, porque non é razoábel que sexa xusto que quen máis ten pague menos. Ou dito doutra maneira, non é razoábel que os que menos teñen sigan achegando en termos porcentuais máis que aqueles que viven vidas de luxo", aseverou o deputado de Bildu, Oskar Matute.

A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, criticou que o PSOE, no canto de optar polo camiño de negociar coa esquerda no Congreso, apostase por fechar un acordo co PNV e con Junts e "despois ir facerlle un trágaa aos grupos de esquerdas".

Fronte a isto, a deputada do PNV, Idoia Sagastizabal, criticou as posicións de "máximos" dalgunhas formacións na negociación –en alusión sobre todo a Podemos–. Pola súa parte, Josep Maria Cruset, de Junts, deixou claro que a súa formación "non forma parte de ningún bloque, nin duns nin doutros". "Nós non estamos aquí para estabilizar a ninguén", recalcou o deputado.

Gravame sobre a banca

O Congreso tamén engadiu o imposto sobre a banca. Así, este gravame pasará de ser unha prestación patrimonial a un imposto, o que implica que as facendas forais e autonómicas poderán asumir a súa xestión. 

O tipo impositivo será de 7% para as entidades financeiras cuxo marxe de xuros e comisións supere os 5.000 millóns de euros. Pola súa parte, o tipo queda fixado en 1% até os 750 millóns, 3,5% até os 1.500 millóns, 4,8% até os 3.000 millóns e en 6% até os 5.000 millóns.

A recadación obtida con este imposto distribuirase entre as autonomías de réxime común –as que non teñen a súa propia facenda– no ano natural seguinte a aquel no que se deba autoliquidar o imposto, en función do produto interior bruto (PIB).

Queda fóra o diésel

Na reforma fiscal non entraron todas as medidas que pretendía o Goberno español. Desta maneira, non conseguiu que se introduza unha iniciativa para eliminar a bonificación fiscal ao diésel con respecto á gasolina, que foi tombada co voto en contra de Podemos, PP, Vox e UPN.

Ademais, o paquete fiscal  tampouco eliminará finalmente as exencións fiscais aos seguros médicos privados –ao que se opuxo o PNV–, novos impostos sobre os 'jets' privados e os iates de luxo, nin subir o imposto sobre o valor engadido (IVE) a 21% para os apartamentos turísticos.