O Euribor marca o seu nivel máis reducido desde setembro de 2022
O Euribor a 12 meses, o principal índice de referencia para as hipotecas variábeis na Galiza, fechou novembro en 2,51%, o que supón o seu menor nivel desde setembro de 2022, polo que as persoas cun préstamo hipotecario observarán unha cuantiosa rebaixa na súa cota.
En concreto, o Euribor descendeu, a falta dun día do mes, en 18,3 centésimas porcentuais, fronte á taxa de 2,691% rexistrada en outubro. Con todo, en comparación co ano anterior a redución é de 1,513 puntos porcentuais, xa que en novembro de 2023 estaba situado en 4,022%. Isto traducirase en que unha persoa que teña contratada unha hipoteca variábel de 150.000 euros a 30 anos e cun diferencial de 0,99% máis Euribor e deba revisar o seu tipo de xuro no mes de novembro rexistrará un descenso na súa cota de 132,93 euros ao mes e de 1.595,16 euros ao ano.
Esta evolución dáse nun contexto no que o Banco Central Europeo (BCE) pensa "ir reducindo as restricións" da política monetaria. Aínda que as autoridades do BCE se resisten a avanzar a decisión que tomarán na próxima reunión –prevista para o 12 de decembro e na que os mercados esperan unha nova redución dos tipos de xuro–, recoñecen que a inflación tende a converxer co obxectivo a longo prazo de 2%.
Inflación na zona euro
Precisamente esta sexta feira coñeceuse a taxa de inflación da zona euro, que subiu en novembro a 2,3% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, tres décimas porcentuais por riba da lectura do mes precedente, o que representa o segundo incremento consecutivo da taxa e a maior suba interanual dos prezos desde o pasado xullo, segundo a lectura preliminar da alza de custos publicada por Eurostat.
Ademais, as expectativas da cidadanía da zona euro sobre a evolución da taxa de inflación ao longo do próximo ano experimentaron unha lixeira repunta no mes de outubro, aínda que seguen en niveis mínimos desde setembro de 2021, segundo constatou o BCE na súa última enquisa a usuarios e usuarias sobre esta cuestión.
Os aranceis poden baixar 17% os beneficios da automoción
Os posíbeis aranceis de até 20% ás importacións de vehículos procedentes da Unión Europea e de 25% para os produtos de México e do Canadá que estuda aprobar o equipo do presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, tras a súa toma de posesión o vindeiro 20 de xaneiro de 2025, poderían reducir até 17% o beneficio bruto de explotación (Ebitda) dos fabricantes comunitarios e estadounidenses, alerta un informe de S&P.
Volvo Cars e Jaguar Land Rover, polo valor dos seus vehículos de alta gama, poderían ser os máis prexudicados por unha política comercial agresiva, aínda que General Motors e Stellantis –cunha importante parte da súa produción en Vigo– tamén estarían entre as principais compañías afectadas polo elevado volume de importacións procedentes de México para operar no mercado estadounidense.
Neste contexto, o vicepresidente do Banco Central Europeo (BCE), Luis de Guindos, alertou esta sexta feira dunha posíbel 'guerra de aranceis' se Trump aplica estas medidas. "Non me preocupa tanto a primeira actuación como as reaccións. Cando un sobe aranceis, esquece de que o que está enfronte pode reaccionar, e esta reacción pode levar a un círculo vicioso", dixo.