Estrella Galicia dálle unha nova vida ás lonas en desuso coa axuda da Fundación Adcor

[Imaxe: Hijos de Rivera] Bolsas de Adcor para Estrella Galicia
As persoas con discapacidade serán as encargadas de transformar as lonas retiradas das campañas publicitarias en bolsas para a súa posterior venda.

A compañía Hijos de Rivera, propietaria de Estrella Galicia, vén de poñer en marcha o proxecto DLONAS coa Fundación Adcor. Esta iniciativa, que conta co apoio do museo MEGA da cervexeira, pretende fomentar a reciclaxe e reutilización das lonas publicitarias en bolsas orixinais e resistentes “cunha personalidade única”.

Como apuntan desde a compañía nun comunicado, trátase dunha iniciativa integral que permite fomentar a integración social e fomentar a empregabilidade de persoas con discapacidade, ao tempo que se reduce a xeración de residuos e se protexe o medio ambiente.

As bolsas que se fabriquen poranse despois a venda a un prezo de 15 euros na tenda do MEGA. O recadado destinarase aos programas da Fundación Adcor encamiñados a mellorar a vida das persoas adultas en situación de dependencia.