Análise

Estratexia galega de enerxía. Documento da CIG

Parque eólico en Muras (A Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Colectivo Bidán, Quico da Silva e Fernando Branco.

A crecente preocupación polos usos de diversas enerxías, ben sexa polos efectos do cambio climático, polo seu prezo, pola dependencia económica e tecnolóxica ou pola garantía de subministración, afróntase, no mellor dos casos, de diferentes formas polas organizacións políticas, incluso as que teñen responsabilidades de goberno.

Aínda que o obxectivo, cando menos no ámbito da Unión Europea, é electrificar con fontes renovábeis a maioría dos consumos enerxéticos, tamén os impactos e os tempos desta medida son asumidos de xeito dispar, mesmo no ámbito
lexislativo.

Un evidente exemplo podería ser a situación da enerxía no Estado Español, área que  continúa a formar parte, na maioría das veces oculta, das competencias doutras, como se fose un sector industrial máis, nunha concepción desfasada e
problemática.

O modelo en Euskadi, que é un gran deficitario na xeración eléctrica, foi a posta en marcha, hai case 40 anos, do Ente Vasco da Enerxía (EVE), que promove a creación de valor engadido no sector enerxético; de feito, a maioría das patentes eólicas do Estado son vascas, igual que o número de empresas que traballan no sector das renovábeis. É dicir, fixéronse fortes na tecnoloxía e agora teñen o reto de impulsar o seu propio parque
de xeración.

A Generalitat de Catalunya, zona tamén deficitaria na xeración eléctrica renovábel, creou a empresa pública L'Energètica co anterior Goberno de ERC; está a funcionar comercializando electricidade aos edificios públicos, e empeza a entrar no sector
da xeración.

Igualmente o Goberno de Aragón, onde primeiro se recuperaron centrais hidroeléctricas con concesión vencida para a xestión pública e que tamén tiña reclamado unha rebaixa de 20% no prezo final da electricidade nas zonas produtoras, ten impulsado, dentro das súas competencias, medidas lexislativas, recorridas polo Estado no Constitucional, para, entre outros aspectos de interese tamén público, favoreceren o denominado consumo eléctrico de proximidade ou local.

Tamén Nafarroa, cun dos textos dispositivos máis completos e detallados no contido e no ámbito de aplicación, vén de aprobar no seu Parlamento, co voto en contra de Vox e as abstencións do PP e UPN, a creación da Axencia de Transición Enerxética de Nafarroa, a modo
do EVE.

Pola contra, o Goberno da Comunidade de Madrid aínda aplica a máxima de Esperanza Aguirre, cando en 2004, para non aceptar a instalación de ciclos combinados, dixo: "Madrid non está para producir electricidade". E así seguen, só producen 4% da electricidade
que consomen.

O caso galego

No ámbito da planificación e da regulamentación non é a Xunta de Galiza unha referencia nin exemplo a seguir; sen una mínima e obrigada actualización, evidencia a entrega, sen condicións, aos intereses externos e privados, anulando por completo as potencialidades e posibilidades dun desenvolvemento sustentábel, tamén no social, do país. A opción do PP foi converterse nunha xestoría que facilita os plans das empresas eléctricas, aínda que a presión e a capacidade da resposta cidadá obrígao a dar un discurso –só iso– máis social sobre o retorno dos beneficios desta actividade –non chega a falar dunha Tarifa Eléctrica Galega, pero xoga con ese concepto–, mesmo anunciando a creación dunha suposta empresa pública que non é tal.

Con todo, fóra da acción de goberno e do Consello Económico e Social galego co seu estudo, é máis difícil atopar nas organizacións sociais, de todo tipo, propostas concretas sobre unha estratexia enerxética, máis aló das consignas ou
enunciados simples.

Polo que coñecemos como Bidán, ademais do intento de Compromís, só EH Bildu dispón dunha estratexia enerxética completa, xustificada na afirmación "a non alternativa non é alternativa"; cunha forte aposta polas renovábeis, controvertida na súa base social e mesmo rexeitada nalgúns concellos que goberna, o que non impediu o posterior pacto co PNV e co PSE, ás portas dunhas eleccións vascas, da lei sobre o cambio climático.

Por todo isto, entendemos obrigado poñer en valor o documento que vén de presentar a CIG sobre as Bases para unha Estratexia galega da enerxía, dende unha posición oposta á da comodidade de non concretar nada e centrarse só nas críticas. Supón unha decisión de rigor, consciente de que o seu documento será obxecto de críticas e debate. A CIG, sindicato maioritario no país, non ten unha visión limitada da súa acción, non; realmente é unha organización que dinamiza a sociedade en moi diversas frontes. Por iso queremos parabenizar á CIG, que continúa a facer país; tamén no enerxético.