Os espumosos de albariño, á altura da mellor champaña
Coas súas tres gamas de espumosos premiadas co Acio de Ouro 2024, a empresa do Salnés Adega Terra de Asorei, é unha das referencias galegas para quen gosta da enocultura.
Dentro das tres variantes de viño espumoso de Terra de Asorei recoñecidas co Acio de Ouro atópase 1953, que está entre 15 e 24 meses no proceso tradicional de rima; a gama Nai precisa entre 24 e 30 meses e a gama Terra require máis de 30 meses en repouso. "Son diferenzas que para moitos consumidores e consumidoras pasan inadvertidas, mais un especialista nótaas, sobre todo na burbulla”, asegura o presidente de Adegas Terra de Asorei, Roque Durán, en declaracións a Nós Diario.
Para a elaboración deste tipo de viños, Terra de Asorei utiliza uva albariña totalmente orixinaria do Val do Salnés e o “método tradicional champenoise”, que consiste na elaboración previa dun albariño base que se coloca en posición de rima, na cal se deixa madurar entre 15 ou 60 meses dependendo da variade que se desexe realizar; despois chega o proceso de degolado, que se basea en engadir un licor con azucre e segundo o nivel de doce que gañe o viño pódese clasificar en distintas categorías dentro dos espumosos. A empresa conta cun factor distintivo á hora de elaborar este tipo de viños que a diferencia do resto de produtos, tal e como asegura Durán; “os espumosos de Terra de Asorei non son nin champaña nin cava, son un albariño elaborado polo método tradicional”, ademais de contar cunha uva propia que lle dá a Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas. A marca prima a calidade fronte á cantidade, “nunca realizaremos un gran número de espumosos porque a nosa diferenza radica no repouso do proceso e na uva natural do Val do Salnés”, asegura Durán.
A calidade dos seus espumosos vén certificada polo premio Acio de Ouro 2024 na XXXVI Cata dos viños da Galiza, organizada pola Consellaría do Medio Rural; un premio que levan gañando dous anos consecutivos e que coloca os espumosos de Terra de Asorei como os mellores do país.
Unha empresa familiar natural do Salnés
A adega naceu no ano 2007 da man de Roque Durán co obxectivo de elaborar albariños de calidade a través dunha empresa familiar. Segundo o presidente da empresa, "Terra de Asorei nace dunha aposta pola calidade do viño propio e pola biodiversidade do Salnés". Contan con 60 hectáreas de videiras, sendo algunhas destas centenarias e traballadas durante todo o ano cunha vendima manual. Ademais, están rescatando a figura dun viño típico da zona: o Espadeiro; un tinto que "hai máis de 100 anos era considerado o gran viño do país", afirma Durán.
Tamén, destinan parte da súa produción á elaboracións especiais como viños realizados con lías de 6 a 12 meses madurados en bocoi de Carballo e produtos con distintos procesos de maduración; o que lles conseguiu o distintivo de empresa certificada polo Consello Regulador Rías Baixas e o selo Galicia Calidade. Actualmente, Terra de Asorei exporta viño Denominación de Orixe Rías Baixas a máis de 20 países; entre os que se atopan os Estados Unidos de América, o Xapón, o Reino Unido ou México.