EPA: A poboación ocupada caeu en Galiza no 2014 mentres aumentaba no Estado

paro

A Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre cifra en 263.000 persoas as desempregadas no noso país, 5.000 máis que no anterior trimestre. Nun ano destruíronse máis de 2.000 empregos.

 

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) non abonda en motivos para o optimismo en canto á situación  laboral do país. O informe relativo ao cuarto trimestre de 2014 indica que a poboación ocupada en Galiza reduciuse nese ano nun 0,22% mentres que no Estado español aumentaba nun 2,55%. Só Castela e Asturies presentan un peor compartamento que o noso país.

A EPA cifra en 263.800 as persoas desempregadas en Galiza (20,87%, mellor taxa que no Estado, 23,7%). A ocupación superou o millón de traballadores mais a taxa de ocupación está en 53,4%, mentres que no conxunto do Estado español roza o 60 por cento (59,77%).

No cuarto trimestre o paro aumentou en 5.600 persoas con respecto ao trimestre anterior. En todos os sectores se destruiron empregos neste cuarto trimestre. En termos anuais, o desemprego reduciuse no noso país en 17.000 persoas, maís tamén baixou o emprego en 2.2000 persoas. E isto nun exercicio en que tan só en emigración xuvenil Galiza perdeu 27.000 moz@s, que marcharon fóra.

O número de fogares galegos con todos os seus membros no paro é no cuarto trimestre de 2014 de 88.400, que son 600 máis que no anterior trimestre

Os dados da EPA chegan apenas uns días despois de que o informe de coxuntura do Foro Económico de Galiza alertase sobre o "estancamento" da economía galega respecto a meses anteriores (un PIB con medre nulo, o 0%) rompendo así comportamentos alcistas que había desde 2012.

Valoracións

O secretario confederal de Emprego da CIG, Miguel Malvido, rexeitou á luz dos dados da EPA calquera mensaxe triunfalista e afirmou que “é falso insinuar sequera que se está creando emprego en Galiza”. Denuncia que as políticas do Partido Popular están provocando a expulsión do país de miles de persoas: 16.800 habitantes menos nun só trimestre e un total de 29.000 nun ano, dos que a maioría eran mozos e mozas. “E nin sequera a perda de poboación consegue maquillar uns datos que só poden ser cualificados de nefastos e que poñen en cuestión o propio futuro de Galiza”, advirte.

Para CCOO o 2014 foi un ano "pésimo" para o emprego, sen recuperación e padecendo aínda os efectos da reforma laboral.