A empresa da mina de Touro afirma que só empregará auga da choiva no proceso industrial
A compañía impulsora da explotación mineira nos concellos de Touro e O Pino, Cobre San Rafael, sinala nun comunicado remitido a Nós Diario que “toda a auga empregada no tratamento do mineral será reciclada e provirá da auga de choiva caída nos terreos e instalación”.
A empresa indica no seu comunicado que no suposto “de máximos de choiva”, o consumo total sería de 30,3 millóns de metros cúbicos, é dicir, unha media de dous millóns de metros cúbicos ao ano”, o que significa 5.479.452 de litros ao día e 2.000.000.000 de litros ao ano. As necesidades de augas fixadas para a mina de Touro e o Pino neste suposto equivalería ao consumo de 38.742 persoas a día. Neste suposto, superaría en 485,5% os consumos do conxunto da veciñanza dos concellos de Touro e O Pino e sería análogo á do municipio de Narón (Ferrolterra), a oitava poboación galega en habitantes.
Porén, o proxecto presentando por Cobre San Rafael diante do Goberno galego analiza varios supostos de consumos de auga atendendo as circunstancias meteorolóxicas e aos niveis de choiva. Así, por exemplo, no caso de “precipitacións medias” a promotora da mina prevé uns consumos anuais de 2.641.000.000 de litros ao ano, o que se traduciría nuns 7.235.616 ao día.
O documento presentado pola compañía diante da Xunta da Galiza desvela que de 2.641.000.000 de litros de auga de consumos anuais, incluíndo tanto o relativo á propia produción industrial como aos sistemas de rego das instalacións. Estas cifras confirmarían que os consumos de auga da explotación equivalerían a de 51.159 persoas ao día e superarían en máis de 640% o do conxunto da veciñanza de Touro e O Pino.
Cobre San Rafael cuestiona a información de Nós Diario sobre as verteduras da mina de Touro e O Pino ao río Ulla. Neste punto, sinala que se farán sobre un “afluente do rego Pucheiras, que é afluente do río Brandelos... afluente, á súa vez, do río Ulla”. Aliás, asegura que "durante os primeiros cinco anos de operación" só 2,1 millóns de m3 -uns 2.100.000.000 litros- "se devolverán aos afluentes", e insiste en que son "augas de choiva excedentes e tratadas previamente".
A compañía, ademais, resta importancia ás verteduras de augas fecais, indicando que “non se verten, non son augas de produción", senón "augas de consumo doméstico, do mesmo modo que as que se devolven desde as nosas casas e son tratadas nas plantas de depuración”.
Tempadas de seca
A Plataforma Mina de Touro-Pino Non apunta que “estas cantidades aumentarían aínda máis se traballase coa hipótese de períodos de seca que faría aumentar o consumo de auga para rega, necesaria para manter baixo control o po en suspensión”.
O colectivo destaca que “o consumo previsto de 74 litros por segundo e día superaría ao caudal do río Lañas, que fornece de auga a Touro, nas épocas de estío calculado, que segundo Augas da Galiza ten un mínimo, excluído o caudal ecolóxico mínimo, de 37 litros por segundo e día”.