Elías Somoza, novo presidente da Fruga
A Federación Rural Galega (Fruga) celebrou este sábado en Arzúa a súa IV Asemblea Nacional, un encontro no que participou representación de todo o país e no que foi elixido Elías Somoza como novo presidente da entidade. Baixo o lema "Defendemos a terra", a organización puxo o foco nas múltiples agresións que atravesan o rural e na necesidade de reforzar a soberanía alimentar como eixo estratéxico para as vindeiras décadas.
A sesión arrancou ás 10.30 horas no Centro Social de Santa María de Arzúa, onde as delegadas e delegados aprobaron relatorios e debateron unha folla de ruta centrada na defensa da actividade agraria, na preservación do monte galego e na resistencia fronte ao modelo extractivista impulsado pola Xunta. A Asemblea pechouse arredor das 14 horas coa elección da nova dirección, que asume o mandato de fortalecer a presenza pública da Fruga e intensificar o traballo de base.
Un rural en perigo: PAC, despoboamento e ameazas industriais
A Fruga lembra que os últimos 50 anos deixaron unha ferida profunda no agro galego: emigración masiva, abandono de aldeas, desmantelamento progresivo do sector produtivo e unha PAC que, como denuncian, converteu en crónica a precariedade de milleiros de explotacións. A isto súmanse novas ameazas que acenderon todas as alarmas no sector.
Entre elas, o Proxecto Gama, promovido por Altri e Greenalia, que a organización considera unha " ameaza para o futuro do rural galego" ao depender dun modelo intensivo de eucalipto que compromete terras agrarias, recursos hídricos e a continuidade do monte tradicional. Tamén se puxo sobre a mesa o desgaste que padecen sectores como o lácteo ou o bovino de carne, así como a falta de políticas de prevención fronte aos incendios.
Soberanía alimentar e prezos xustos
O novo presidente, Elías Somoza, asumirá a tarefa de avanzar nun discurso que a organización leva anos situando no centro: a agricultura é unha "actividade esencial para a existencia da humanidade", e garantir alimentos depende de que o sector produtor reciba prezos xustos que lle permitan vivir con dignidade.