Derrota do PP ante un Congreso que apoia a resposta aos aranceis: o real decreto reforza as posibilidades de acordo na lexislatura
As medidas incluídas no decreto lei para paliar as consecuencias dos aranceis anunciados polo Goberno estadounidense foron validadas esta quinta feira polo Congreso, nunha norma que saíu adiante co apoio dos dous partidos que conforman a coalición do Executivo español –PSOE e Sumar–, así como do BNG, PNV, ERC, Bildu, Junts, Coalición Canaria e mesmo UPN. A votación contou coa abstención de Podemos e o voto en contra de PP e Vox. Ademais, o decreto foi apoiado polo ex ministro socialista integrado no Grupo Mixto, José Luis Ábalos, o que resultou en 176 'si', 169 'non' e catro abstencións.
O decreto lei, que xa estaba en vigor desde a súa publicación no mes de abril, contempla as primeiras medidas do plan de resposta do Goberno estatal á imposición de aranceis por parte do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Neste sentido, supón unha primeira inxección de liquidez de 7.720 millóns de euros, principalmente mediante avais e créditos.
Inclúese tamén unha liña de avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) de 5.000 millóns de euros até o 30 de xuño de 2026 para atender as necesidades de liquidez das empresas afectadas e para apoiar posíbeis procesos de reconversión industrial a entidades cunha exposición significativa, directa ou indirecta, ao mercado dos Estados Unidos.
Tamén se reforza o Fondo para a Internacionalización da Empresa, que contará con 720 millóns de euros, e actívanse outros 2.000 millóns para o reforzo da internacionalización de empresas a través da Compañía Española de Seguros de Crédito á Exportación (Cesce) e o seu sistema 'CARI', que se asemella a un seguro de tipo de xuro. O decreto inclúe tamén a extensión da moratoria contábel até finais de 2025 para as empresas con perdas durante 2020 e 2021 como consecuencia da Covid.
Durante o debate do decreto, o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, mantivo a súa "man tendida" aos grupos parlamentarios para traballar de maneira conxunta no desenvolvemento das seguintes capas desta "resposta necesaria" ante unha contorna "complexa, dinámica e cambiante".
O decreto lei supón, segundo o ministro, unha primeira capa deste plan, "un punto de partida que é necesario e que se irá adaptando e complementando, nunha contorna cambiante de enorme incerteza". En concreto, desenvolverase, segundo detallou o ministro, con actuacións que irán pedindo empresas e organizacións ao Goberno español nos cinco grupos de traballo que se crearon –de bens agroalimentarios, bens de consumo, bens de equipo e material eléctrico, produtos industriais e da industria química e dos medicamentos–.
Críticas desde o PP
O vicesecretario de Economía do PP, Juan Bravo, criticou as negociacións co Goberno español para sacar adiante o decreto lei. "Se vostede [o ministro Cuerpo] non quere aceptar as nosas propostas, non somos nós os que rompemos as negociacións, son vostedes os que non queren que esteamos nas negociacións", sinalou. Deste modo, o popular escudouse en cousas que pouco teñen que ver cos aranceis, como a reactivación da enerxía nuclear, para xustificar o seu 'non'.
Bravo afeou tamén que, contra o que lle trasladaron as empresas, segundo dixo, o Executivo estatal ofrece no seu plan "máis débeda, máis préstamos e avais para endebedarse". Por iso, para o PP, o seu voto é "irrelevante" porque o decreto lei "non repara, non apoia e non impulsa".
O BNG, crítico con Trump
"O furacán Trump durou pouco mais é preciso estabelecer todos os mecanismos que permitan facer fronte á guerra comercial dos Estados Unidos", afirmou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, que agradeceu ao ministro "o esforzo de información permanente que mantivo co BNG (e entendo que co conxunto dos grupos parlamentarios) nun asunto tan importante".
"Donald Trump tivo que modular os seus propósitos e suspender durante 90 días tarifas aduaneiras", incidiu Rego. Isto, dixo, "confirma a nosa análise de que se trataba da reacción dun imperio en decadencia que ve perigar a súa hexemonía política e económica fronte á emerxencia dun mundo multipolar".
Con todo, acrecentou, "discrepamos con que o Goberno aproveite esta situación para intentar lexitimar tratados de libre comercio lesivos para Galiza como o UE-Mercosur ou o que está a negociar a Unión Europea con Tailandia, coa preocupación de que non teña en conta a realidade da Galiza como principal produtora de conserva de produto do mar do Estado español e non impida a concorrencia desleal".
Junts e Podemos
O voto a favor de Junts salvou a validación do decreto lei, logo de acordar unha disposición co Goberno español de "garantía de proporcionalidade territorial" na aplicación dos fondos, mediante a cal se garante que os recursos que se porán ao dispor das empresas serán repartidos "con respecto ao equilibrio territorial, sobre a base da porcentaxe das exportacións de bens con destino aos Estados Unidos das empresas de cada comunidade autónoma respecto ao total do Estado en 2024, con particular atención a aquelas autonomías que teñan unha maior exposición". "Se se negocia con Junts con rigorosidade e se cumpren os acordos, Junts tamén cumpre", sinalou Josep Maria Cruset, deputado da formación.
O Goberno estatal logra pactar con Junts e reforza as posibilidades de acordos na Cámara durante a actual lexislatura
Desta maneira, o entendemento entre o Executivo español e Junts para sacar adiante o real decreto supuxo salvar unha importante votación para o Goberno liderado por Pedro Sánchez, o cal reforza as posibilidades de entendemento para lograr sacar adiante novas votacións no Congreso no que reste de lexislatura.
No caso de Podemos, o deputado Javier Sánchez Serna xustificou a abstención da formación ao decreto lei –que finalmente non foi decisiva– porque "hai cousas que están mal enfocadas" no plan do Goberno estatal. Neste sentido, explicou que todas as medidas se centran na situación das empresas potencialmente afectadas polos aranceis para fornecerlles financiamento a través de créditos. "Mais o Estado español é fundamentalmente importador dos Estados Unidos", advertiu Sánchez Serna.
Bruxelas denuncia os EUA na OMC
A Comisión Europea anunciou esta quinta feira que denunciará ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) os aranceis masivos impostos polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, a todas as importacións estranxeiras, incluídas as da Unión Europea (UE). Ademais, fixo pública a súa proposta para unha segunda rolda de represalias coa que gravar produtos estadounidenses por valor de 100.000 millóns de euros. Porén, Bruxelas insiste en que a "prioridade" segue sendo un acordo negociado cos EUA que evite activar tanto esta segunda rolda como a primeira quenda en resposta aos aranceis ao aceiro e ao aluminio –que foi suspendida en abril–. Todo isto na mesma xornada na que Trump confirmou un acordo "completo e integral" co Reino Unido, que servirá, engadiu, para consolidar durante anos a relación bilateral.