A CRTVG, condenada de novo por vulnerar o dereito á folga
O Xulgado do Social número dous de Compostela ditou onte unha sentenza que condena a Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) por vulneración do dereito á folga durante o paro indefinido convocado polo persoal da compañía entre setembro e decembro en 2024 en protesta pola externalización da produción.
O persoal de alta dirección da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) reunise onte nun xantar para despedir Alfonso Sánchez Izquierdo, quen se mantivo á fronte da compañía desde 2009. O acto de despedida á persoa nomeada por Alberto Núñez Feixoo para dirixir os medios públicos coincidiu no tempo cunha nova sentenza que cuestiona a política de persoal da CRTVG e que apunta a unha vulneración dos dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras.
A sentenza emitida polo Xulgado do Social número dous de Compostela na xornada de onte determina que a Dirección da CRTVG vulnerou o dereito á folga durante a protesta mantida de forma indefinida polo persoal do medios públicos entre setembro e decembro de 2024. A convocatoria de paro tiña como obxectivo denunciar a externalización da produción, unha vez que os responsábeis da compañía acordaron sacar da grella A Revista, un programa elaborado por medios propios que levaba máis de 20 anos en pantalla, e substituílo por outro de feitura externa denominado O Termómetro.
A política laboral da CRTVG
"Non deixa de ser curioso que a despedida organizada pola alta dirección da CRTVG a Sánchez Izquierdo coincida cunha sentenza que volve a condenar aos medios públicos por vulnerar o dereito de folga", sinala a Nós Diario a presidenta do Comité Intercentros da compañía, Raquel Lema, quen considera que a sentenza "volve pór no foco a política laboral da dirección da CRTVG e a represión exercida durante todos estes anos cos traballadores e traballadoras que reivindicaron os seus dereitos". Neste sentido, lanza unha mensaxe á sucesora de Sánchez Izquierdo, Concepción Pombo, quen "debería intentar de abrir unha nova era neste ámbito".
A política laboral de Sánchez Izquierdo foi cuestionada en múltiples sentenzas polos tribunais de xustiza durante todos este período. Malia que o director xeral da CRTVG sacou peito da mesma en repetidas ocasións, a última a pasada cuarta feira no Parlamento da Galiza, a realidade é que o ente público sumou máis 400 de sentenzas condenatorias por vulnerar os dereitos laborais nos últimos 16 anos. Así, por exemplo, en novembro de 2023 unha sentenza do Tribunal Supremo concluía que varios contratos de alta dirección foran formalizados en fraude de lei.
Defenda a Galega
"A dirección da CRTVG buscou sempre nestes anos a confrontación e nunca o acordo", indica Lema, quen denuncia "a política de manipulación informativa impulsada pola dirección da CRTVG". Neste sentido, o colectivo Defende a Galega, conformado por profesionais da compañía, volveu onte a mobilizarse ás portas da sede da empresa en San Marcos, na capital galega, para criticar o "uso partidista e a instrumentalización da CRTVG", á que acusan de actuar "ao servizo do Partido Popular". A entidade vén promovendo desde o 25 de maio de 2018 actos de protesta en defensa da pluralidade informativa nos medios públicos.