A crise inflacionista pasa factura: Galiza sofre a maior perda de poder adquisitivo acumulada desde xaneiro de 2021
Os prezos disparáronse na Galiza 20,6% entre xaneiro de 2021 e xuño de 2024, o que supón a segunda maior suba dos custos entre autonomías, só por detrás da taxa de 21,5% de Castela-A Mancha, tal e como adiantaba Nós Diario a pasada semana.
Neste dato volveu pór o foco a Fundación das Caixas de Aforro (Funcas), que presentou esta terza feira un novo informe. Tendo en conta a inflación desde o confinamento pola pandemia da Covid, en marzo de 2020, os prezos aumentaron na Galiza 22%, sendo tamén neste caso a autonomía coa segunda maior taxa, de novo tras Castela-A Mancha (22,8%).
No informe, Funcas analiza o impacto do crecemento da inflación por comunidades no acumulado desde 2021, con Castela-A Mancha e a Galiza como as máis afectadas. O documento chama a atención de que eses incrementos "non se corresponden" coas subas de salarios, que crecen de forma uniforme no Estado, de modo que estas son as dúas autonomías cunha maior "perda de poder adquisitivo do ciclo inflacionista". En contraste, as menores alzas do índice de prezos de consumo (IPC) no período rexístranse en Madrid (17,1%) e Catalunya (18,5%).
A preguntas das causas polas que autonomías como Castela-A Mancha e a Galiza foron as máis afectadas por este ciclo de suba de prezos, o director de Conxuntura de Funcas, Raymond Torres, apunta que este diferencial "débese a un problema de competencia" no sector servizos, pois "en parte encarécese levar produtos a determinadas zonas máis afastadas dos principais puntos de distribución". Torres indica ademais que "o diferencial de IPC é o principal factor que vai explicar a diferenza en poder adquisitivo entre diferentes comunidades autónomas".
Crecemento en 2024
Con respecto ás expectativas de crecemento por autonomías para 2024, o think tank vaticina un medre de 2,4% da economía galega, unha décima porcentual por baixo da media estatal, que a organización sitúa en 2,5%. Pola súa parte, Funcas situou Balears, Canarias e Madrid como as tres autonomías que liderarán o crecemento económico en 2024, con previsións dunha alza do produto interior bruto (PIB) superior a 3% no caso das illas e de 2,6% na área madrileña.
De acordo con estas previsións, hai dúas autonomías que se sitúan en paralelo á media estatal de 2,5%: Catalunya e Aragón. Pola súa parte, a Galiza, Andalucía e País Valencià terán unha alza de 2,4%, segundo Funcas. Tamén por baixo da media fican Nafarroa, Euskadi e Castela e León (2,3%); Cantabria (2,2%); Estremadura e Castela-A Mancha (2,1%); Murcia (2%); así como A Rioxa e Asturias (1,9%).
Mercado laboral
Ademais, o think tank tamén expón que a Galiza foi a segunda autonomía na que máis creceu a man de obra foránea entre 2021 e 2023, cunha alza da poboación activa estranxeira de perto de 30%, só por detrás de Asturias.
Con respecto ás previsións de futuro, a expectativa para o desemprego ao fechamento do ano 2024 na Galiza é que o paro ficará en 8,7%, menos que a taxa de 11,2% do conxunto do Estado, mais por baixo da media da eurozona, que se situará en 6,5%, segundo os cálculos de Funcas.
O sector turístico está chegando a un punto de inflexión
Entre outras cuestións, Funcas reflexionou esta terza feira sobre o futuro do turismo nas autonomías do Estado español. Neste sentido, o think tank advirte que o sector turístico estase achegando a un "punto de inflexión" en canto ao seu crecemento. Aínda que o pico de actividade económica no turismo é algo que cada vez está máis perto na totalidade das comunidades, Funcas destaca que existen diferenzas na evolución a curto prazo deste sector entre comunidades. Neste sentido, autonomías como a Galiza teñen máis capacidade de continuar crecendo ao recibir agora "moito máis" turismo internacional respecto ao nivel xa alcanzando por outras comunidades como Illes Balears. Porén, segundo advirte a organización, o crecemento en base ao turismo ten un tope cada día máis próximo de alcanzar.