O Ministerio de Consumo insta a Xunta a actuar contra máis de 9.000 pisos turísticos "ilegais", 61% dos ofertados na Galiza

Goretti Sanmartín e Pablo Bustinduy, esta sexta feira. (Foto: Arxina)
O ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, mantivo esta sexta feira unha reunión no Pazo de Raxoi coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, na que abordaron a problemática da "oferta ilegal" de vivendas turísticas. O Ministerio entregará á Xunta un arquivo con 14.960 ofertas de vivendas vacacionais, da que 9.125 non contan co preceptivo número de rexistro.

Un total de 9.125 anuncios de pisos turísticos situados na Galiza, até 61% dos 14.960 que figuran no arquivo dixital realizado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, non contan co preceptivo número de rexistro.

Así o manifestou esta sexta feira o titular do departamento, Pablo Bustinduy, no contexto dunha visita a Compostela para reunirse coa alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. O ministro anunciou, así mesmo, que porán a disposición da Xunta da Galiza "nos próximos días" este rexistro dixital para que teña coñecemento destas máis de 9.000 vivendas turísticas que non acompañan os seus anuncios do número de rexistro, polo que poderían –ademais de non publicalo, algo ao que obriga a normativa– non telo e, por tanto, estar en situación de ilegalidade, segundo sinalou o ministro de Consumo.

Bustinduy informou desta situación antes dunha xuntanza con Sanmartín –na que tamén estiveron a tenente de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás– que tivo como obxectivo realizar a entrega dun arquivo dixital similar ao que facilitarán ao Goberno galego, con datos específicos sobre Compostela.

O arquivo entregado ao Executivo da capital galega reflicte que operan na cidade máis de 400 vivendas turísticas, "cifra que contrasta coas 60 licenzas municipais concedidas polo Concello", afirmou o ministro. 

Como parte da información trasladada ao consistorio municipal, o Goberno estatal tamén achegará o enderezo de até 221 destas vivendas "para facilitar o labor de identificación, localización, inspección e, no caso de que procedese, fechamento destas instalacións".

Deste modo, o Ministerio disporá as súas ferramentas non só "para poder identificar a oferta de pisos turísticos que non cumpran a normativa municipal", senón tamén "para brindar toda a asistencia e o soporte xurídico e legal para poder proceder á exixencia da retirada da comercialización dos pisos turísticos nas grandes plataformas".

"Vangarda" en vivenda 

Sanmartín trasladou ao ministro "as liñas fundamentais que estamos desenvolvendo desde o Goberno municipal" na materia, "que teñen que ver con poder mobilizar a vivenda dispoñíbel, poder garantir que o uso da vivenda existente sexa un uso residencial e poder ao mesmo tempo dotarnos de vivenda de protección, que non exclusivamente pode estar nas periferias das cidades, senón tamén no centro, no mesmo corazón".

Na reunión trataron de maneira específica "o tema da comercialización dos alugueres turísticos nas plataformas, no que queremos colaborar, xa que neste caso creo que coincidimos na necesidade de que as plataformas retiren aqueles pisos turísticos que son ilegais, que non teñen título habilitante municipal", afirmou a alcaldesa.

"Desde este Goberno municipal levamos tempo traballando en garantir as necesidades da veciñanza, as necesidades reais de vivenda da xente que vive aquí, que mora en Santiago de Compostela ou que quere vivir aquí", engadiu. "Todas as administracións que vaian por esa liña van ser as nosas aliadas", sinalou a rexedora da cidade.

En materia de vivenda, dixo Sanmartín, "Compostela leva tempo demostrando que é vangarda, que quere seguir sendo vangarda". Neste sentido, a respecto da presentación do arquivo dixital de pisos turísticos, "nós non podemos facer máis que agradecer moito esa confianza depositada polo ministro para contar con Santiago para levar a cabo a súa iniciativa".

"Perseguir a oferta ilegal"

"Quero pór en valor especialmente o traballo feito desde o Concello de Santiago para perseguir a oferta turística ilegal e para pór orden en un sector que está contribuíndo a tensionar os prezos do aluguer nas grandes cidades e, por tanto, a dificultar o acceso á vivenda para as maiorías traballadoras", sinalou o ministro.

"O Ministerio de Consumo vai actuar con todo rigor e toda firmeza no ámbito das súas competencias para pór orden no mercado da vivenda. Agora ben, cada administración ten que facer a súa parte, como o está facendo o Concello de Santiago, como o está facendo o Ministerio de Consumo e como teñen que facer as comunidades autónomas tamén", acrecentou.

Neste sentido, Bustinduy puxo a súa colaboración ao dispor da Xunta da Galiza co fin de "pór coto a esta situación descontrolada", en referencia á cuestión da vivenda. "Con ese mesmo ánimo construtivo e colaborativo, poderemos atopar a maneira de que cada administración faga a súa parte e poidamos solucionar esta situación", manifestou.

"Segundo aparece reflectido, por exemplo, no CIS, a vivenda constituíse como a primeira preocupación da cidadanía e, por tanto, temos que utilizar as ferramentas á nosa disposición, empezando pola declaración de zonas tensionadas e a aplicación da Lei de Vivenda", sentenciou o ministro, para despois salientar o abaratamento dos alugueres en Catalunya tras seren declaradas ditas zonas tensionadas.

Bustinduy non comprende os "obstáculos" ao tope do aluguer

Preguntado por Nós Diario sobre a posta en dúbida do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, da correcta formulación das peticións de declaración de mercado tensionado, e sobre se isto non supuña pór en dúbida o traballo do persoal técnico de municipios como A Coruña que xa presentaron a solicitude, Bustinduy afirmou esta sexta feira que "é pouco comprensíbel que se poñan escollos ou obstáculos" ao mecanismo.

"No único lugar onde se comezaron a aplicar os topes aos alugueres, que é Catalunya, ao longo do último semestre do ano pasado reflectiuse unha diminución do prezo do aluguer nas grandes cidades, incluída Barcelona, mentres que en todo o resto do Estado o ritmo de incremento se mantivo ou se acelerou", manifestou.

"Onde goberna o PP"

Sobre os "escollos o escusas" ás declaracións de mercado tensionado, Bustinduy concretou que "non está sucedendo só na Galiza", senón "en todos os lugares onde goberna o Partido Popular". Ao respecto, engadiu que "non se trata de buscar escusas, senón de encontrar solucións". E a primeira, dixo nunha apelación á Xunta da Galiza e ao líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, "debe ser aplicar os topes aos alugueres para permitir que baixen os prezos".