O Consello de Europa amoesta o Estado español polos conflitos de interese
O Consello de Europa reclamou esta cuarta feira ao Estado español melloras na regulación dos conflitos de interese entre altos cargos do Goberno, así como nas súas reunións con 'lobbies', os aforamentos ou as portas xiratorias cando altos cargos abandonan as súas funcións públicas para traballar no sector privado.
Así se recolle nun informe publicado esta cuarta feira polo Grupo de Estados contra a Corrupción do Consello de Europa (Greco), creado en 1989 para mellorar a capacidade dos seus 47 países membro de loitar contra a corrupción, no que se afea ao Goberno español unha "pobre implementación" das recomendacións realizadas en 2019. En concreto, o Estado aplicou de maneira parcial 13 das directrices licitadas, mentres que seis non se aplicaron de ningún modo. Isto levou Greco a incoar un procedemento de incumprimento e a solicitar ao Goberno español que informe sobre os avances nesta materia para a 100ª sesión plenaria do grupo, que se realizará en xuño en Estrasburgo (Francia).
Froito deses incumprimentos, o Consello de Europa pediu unha maior atención na prevención dos conflitos de intereses dos altos cargos, ademais de maior transparencia nas funcións executivas de cargos superiores do Goberno, incluídos os seus asesores e asesoras.
Greco apunta que, aínda que o Executivo adoptou medidas, non deseñou unha estratexia específica para os cargos do Goberno, quen pola súa "natureza política" e a súa "interacción co sector privado" afrontan "desafíos particulares". Tamén pediu reforzar o réxime de asesores e asesoras do Goberno, exixíndolles os mesmos estándares de transparencia e de integridade que se aplican aos altos cargos, polo que deberían publicarse os seus perfís e salarios.
Declaracións de bens
O informe solicitou tamén melloras nas declaracións de bens, regulación dos 'lobbies', as portas xiratorias e o sistema de responsabilidade penal dos membros do Goberno, coñecido como aforamentos. Ademais, requiriu unha maior independencia para a Oficina de Conflitos de Interese e para o Consello de Transparencia e Bo Goberno. En canto ás declaracións de bens, Greco sinala que aínda que se aumentou o detalle dos bens declarados polos altos cargos, aínda falta unha maior desagregación, especialmente sobre as actividades externas.