Conclúe a moratoria que expandiu o eucalipto a cifras nunca vistas

Plantación de eucalipto. (Foto: Greenpeace)
Remata oficialmente a moratoria a novas plantacións de eucalipto vixente desde o 2 de xullo de 2021 e entra en vigor a “flexibilizada” nun contexto en que, entre 2022 e 2024, aumentaron en 25.000 as hectáreas de eucalipto. Segundo o avance do último inventario forestal, alcanzan xa as 438.156 hectáreas. 

O 2 de xullo de 2021 a Xunta da Galiza decretaba unha moratoria ás novas plantacións de eucalipto, que xa se estaban a afastar das directrices do Plan forestal 2021-2040, a folla de ruta para o monte galego. A moratoria que remata hoxe non só non cumpriu o obxectivo do Plan forestal de limitar a suba de 3% na superficie do eucalipto no período 2021-2025, senón que supuxo que entre 2022 e 2024 aumentara o duplo, un 6%.

Os Inventarios Forestais Continuos da Galiza (IFCG) non deixan lugar á dúbida: en 2022 -primeiro inventario completo logo da entrada en vigor da moratoria de xullo de 2021- a superficie de eucalipto na Galiza era de algo máis de 413.000 hectáreas, os datos do último IFCG presentados en novembro -e con datos de 2024- elévanas até as 438.156, é dicir, 25.000 hectáreas máis coa moratoria que hoxe remata.

Neste último ano de moratoria, foron moitas as demandas á Xunta da Galiza para prorrogala e mesmo facela indefinida. Asociacións ecoloxistas, a Fundación Arume de propietarios forestais e sindicatos como a CIG reclamaron a adopción desta medida diante do avance do eucalipto, mais, finalmente, no mes de outubro a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciaba unha nova moratoria “flexíbel”.
 

Unha moratoria máis permisiva

A Xunta da Galiza permite desde mañá replantar eucaliptos en parcelas de piñeiros afectados pola praga da banda marrón –fungo que afecta esta especie arbórea–, podendo reforestarse estas áreas con 50% de eucalipto e 50% de piñeiro e frondosas. Tamén se permitirán novas plantacións para substituír as xa existentes, permitindo que 75% da capacidade da parcela se destine á plantación do eucalipto e o 25% restante se transforme en coníferas ou frondosas. Para evitar o debate ao respecto, o Goberno de Alfonso Rueda introduciu a nova moratoria na Lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026.

Cos datos dos IFCG da Xunta da Galiza -que elabora persoal experto en materia forestal da UVigo e a USC- o eucalipto medrou sen control. Rematada hoxe a primeira moratoria, e a pesar dos 1.100 expedientes que, segundo a conselleira do Medio Rural, a Xunta abriu por plantacións ilegais, o certo é que a moratoria "flexíbel" que mañá entra en vigor xa ten cifras previstas de incremento do eucalipto nos montes galegos.

No país hai 30.000 hectáreas de piñeiro radiata afectados pola banda marrón que, a partir de mañá, poderán acollerse á nova moratoria, co cal cando menos 15.000 desas hectáreas terán o visto e prace da Xunta para convertese en novos eucaliptais.
 

Zonas de alta produtividade

Segundo os datos do último IFCG, o Eucaliptus nitens é o que rexistra unha maior incorporación, seguido do globulus, e o aumento focalízase no interior norte da Galiza. O IFCG estimou zonas de potencial crecemento destas plantacións. En concreto, no caso do globulus as áreas con “alta capacidade produtiva” son as comarcas de Ferrol e da Terra Chá, mentres que comarcas como Fisterra e o Barbanza “manifestan valores menos favorábeis para o seu desenvolvemento”. O interior norte do país, concretamente ao redor da comarca de Santiago e da Terra Chá, é unha zona de “alta produtividade” na Galiza, segundo explicaron na presentación dos datos os autores do IFCG.
 

Un "erro" polémico

O pasado mes de novembro, o Grupo Parlamentario do PP anunciaba nun comunicado á prensa, no marco do debate dos Orzamentos de 2026, unha emenda encamiñada a flexibilizar aínda máis a moratoria que entra en vigor mañá. O obxectivo pasaba por permitir ás persoas propietarias de terreos replantar até o 100% da superficie das parcelas con eucaliptos, no canto do 75% que permite a moratoria incluída na coñecida coloquialmente como Lei de acompañamento.

Os populares anunciaban esta mudanza da moratoria proposta polo Goberno galego logo de recibir críticas, sobre todo de pequenos propietarios, pola medida avanzada no mes de outubro pola Consellaría do Medio Rural. Porén, o PP non chegou a rexistrar a tempo a citada emenda no Parlamento galego. Un atraso que o propio Rueda definiu como un "erro".

Segundo fontes socialistas, o PP explorou vías para levar a cabo a nova flexibilización, até o punto de proporlle ao PSdeG a transacción dunha emenda que este grupo non aceptou. A vía alternativa para esta nova flexibilización da moratoria á plantación de eucaliptos sería desenvolver e aprobar unha reforma legal, mais precisaría de meses de tramitación no Parlamento da Galiza. Nós Diario consultou ao Grupo Parlamentario do PP polos pasos que está a dar ao respecto, mais os populares limitáronse a responder que "neste momento estase valorando como levar adiante" a flexibilización da nova moratoria que entra mañá en vigor e que resulta máis permisiva que a anterior.


Prevén que o eucalipto chegue ás 600.000 ha

Coas cifras do último inventario forestal e as medidas laxas previstas na nova moratoria que mañá entra en vigor, colectivos ecoloxistas como a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) advirten que "hai estimacións de que o eucalipto pode ocupar 600.000 hectáreas, incluíndo as masas mixtas". As actuais 438.156 hectáreas son xa un récord na Galiza, un 14% da superficie forestal do país. Chegar a 600.000 suporía que o eucalipto colonizou o 39% da superficie forestal.

 

300.000 hectáreas en medio século

O eucalipto chegou á Galiza en 1846 e en 50 anos a súa expansión foi descontrolada, aumentando en 300.000 hectáreas. Actualmente, o eucalipto ocupa o 14% do territorio galego. Diante das cifras que confirman a expansión do eucalipto no país, son moitas as voces e colectivos que reclaman da Xunta da Galiza un “cambio radical na política forestal”. Adega exixe ao Goberno de Rueda que empece “pola prohibición desde xa do eucalipto nitens, unha especie invasora para o comité científico do Ministerio de Transición Ecolóxica". Na Galiza o eucalipto nitens representa xa o 56% dos plantados fronte a un 42% do globulus. As pasteiras que mercan na Galiza -Altri, Ence e Navigator- prefiren o nitens.