O Comité de ADIF convoca paros e unha xornada de folga para protestar pola "privatización de actividades"

Adif realiza probas no tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense [Imaxe: Adif].

Denuncian "a extrema carencia de persoal que se foi xerando co paso dos anos nesta empresa" para xerar un modelo "afastado das verdadeiras necesidades sociais e económicas da cidadanía".

O Comité Xeral de Empresa de ADIF tomou o acordo por unanimidade de convocar paros parciais de dúas horas, que comezarán na sexta feira 26 de febreiro e que se estenderán nas sextas e sábados até o 26 de marzo, data na que terá lugar unha xornada de folga. Estas protestas xorden pola "privatización de actividades e polo encarecemento dos custos de xestión das tarefas que ten encomendadas o xestor da infraestrutura ADIF".

Segundo denunciou o Comité nunha nota de prensa, recollida por Europa Press, "a extrema carencia de persoal que se foi xerando co paso dos anos nesta empresa ten o firme propósito de xerar un modelo de empresa afastado das verdadeiras necesidades sociais e económicas da cidadanía".

Incumprimento da taxa de reposición

Ademais, censuran o "incumprimento dos ingresos de persoal comprometidos no II Convenio Colectivo ADIF", que tal e como sinalan, "debía estar moi por encima do 110% da taxa de reposición".

"Por mor desta situación tan complicada, en materia de deficiencia de recursos humanos, ADIF está a levar a cabo un sistemático plan de privatización de actividades en numerosas áreas da empresa, o que supón perdas de carga de traballo, feche e reestruturación de dependencias e incumprimento de gráficos de servizo, que están a dar paso a un gran número de externalizaciones en áreas críticas", subliñan.

Por iso, chaman a secundar os paros parciais que empezarán na vindeira sexta feira 26 de febreiro e que se irán sucedendo as sextas e os sábados até o próximo 26 de marzo, cando se producirá a xornada de folga.