China deseñou o taboleiro, o resto do mundo comeza a xogar
Fernando de Llano é profesor da UDC e experto en economía da enerxía, planificación e seguridade enerxética.
As negociacións para a fin da guerra da Ucraína están incluíndo a sinatura dun acordo para a explotación preferente dos EUA dos seus materiais críticos e terras raras. Os primeiros son denominados así, porque presentan un risco real de escaseza e incerteza no seu fornecemento, cun impacto potencial na economía moi elevado. As terras raras son aquelas compostas por ate 17 elementos químicos que non se atopan en altas concentracións, que son escasas, e que precisan dun procesamento e refinado que implica un elevado coñecemento e avance tecnolóxico para convertelos en compoñentes.
De analizar obxectivamente o problema, as industrias e economías basean o seu éxito na consecución dun acceso continuado e a un prezo razoable tanto á enerxía como ás materias primas que necesitan. Precisamente neste punto dos materiais críticos conflúen ambos elementos: xa que son precisos para a construción de infraestruturas renovables coas que conseguir prezos máis reducidos e minorar a dependencia, ademais de ser fundamentais para o fornecemento de industrias chave como a dixital, a electrónica, telecomunicacións, a aeroespacial e de armamento. Así a transición enerxética, lonxe de ser efectiva na consecución de maior independencia, está sufrindo os impactos do risco de ruptura do fornecemento destes materiais críticos nun elo anterior ao da produción, o elo das infraestruturas.
Os movementos de Trump impoñendo aranceis non parecen derivar dun proceso racional coherente e equilibrado na consideración dos efectos xeopolíticos que ían producir. Un exemplo: a recente resposta chinesa este mes parando a exportación cara este país de materiais como o galio, o xermanio, do escandio ou de imáns, todos materiais fundamentais para as industrias potentes estadounidenses (automotriz, telecomunicacións ou defensa), que importan ate o 80% das terras raras dende China.
China domina actualmente o 70% do mercado global das terras raras e o 90% da industria do procesamento e refinamento destes materiais, elo aínda máis relevante. O país asiático leva máis de 30 anos desenvolvendo a industria das terras raras e dos minerais denominados agora críticos. De feito, en 1992, Deng Xiaoping sinalara que se Oriente Medio dispuña de petróleo, China contaba con terras raras. Estas palabras deixan claro a estratexia chinesa, coa que acadou o lugar que ocupa na actualidade: líder da tecnoloxía e do coñecemento que permiten procesar estes materiais, que se unen á disposición do 70% das reservas coñecidas de terras raras, do 97% do magnesio ou o 70% do tungsteno, entre outros, chaves para o futuro dixital e enerxético cara onde camiñamos globalmente. A isto hai que engadir unha dinámica negociadora estratéxica que conduciu a obter acceso preferente a outras minas de países africanos e latinoamericanos (Bolivia ou Chile). Con isto consegue un dominio practicamente absoluto da oferta global: China ten a capacidade de decidir que países avanzan na transición enerxética, dixital, aeroespacial, e que Estados poden sufrir un parón económico e industrial serio nas súas aspiracións pola interrupción da subministración destes materiais, segundo lle conveña a China.
A Unión Europea ten definida unha estratexia acertada de negociación con China, ademais dunha de diversificación, innovación, circularidade e de busca de Estados socios cos que construír cadeas de fornecemento estables e cadeas de valor amplas, que permitan compartir a xeración de valor que se derive da súa extracción tratamento e refinamento. O antigo esquema de explotación colonial non ten cabida, e os Estados socios buscan reter rendas a través da industrialización do proceso de refinamento no seu territorio: compensar en parte o esforzo ambiental e social derivado do proceso de extracción como o estrés hídrico, perdas de solo fértil e degradación ambiental ou o desprazamento de habitantes.
Debemos prepararnos para un novo taboleiro de xogo. Será algo semellante ao do esquema fósil da OPEP, no relativo ao uso da información sobre as reservas dispoñibles e o nacionalismo dos recursos. Mais será algo distinto tamén, xa que ao fin e ao cabo cada Estado dispón dalgún destes materiais críticos co que facerse forte, se quere, na negociación multilateral.