Centos de persoas exixen nas rúas da Coruña un futuro para a industria electrointensiva galega
Exixen compromisos e medidas para garantir actividade e emprego nun sector que na Galiza emprega por volta de 5.000 persoas e que atravesa unha grave crise. A marcha estaba convocada polos comités de de empresa de Alcoa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic.
Esta semana coñecíase que había unha oferta firme para comprar a planta de Alcoa da Coruña e que Villar Mir quería vender Ferroatlántica a un fondo estadounidense por 170 millóns de euros. Dúas noticias que atinxen dúas das principais empresas do sector electrointensivo na Galiza, unha industria que nestes meses está con pé e medio nunha crise que cuestiona o seu futuro. Na Galiza, a viabilidade deste sector -unha ducia de empresas e cinco mil empregos directos- volveu ser defendida este sábado nas rúas da Coruña nunha manifestación convocada polos comités de empresa de Alcoa, Ferroatlántica, Celsa Atlantic. “Por un futuro para a industria electrointensiva” era o lema que exhibia a faixa que abría a mobilización.
Na mobilización estiveron presentes representantes de diferentes organizacións, como Xosé L. Rivas 'Mini' (BNG), Yolanda Díaz (Galicia en Común), Luis Villares (En Marea) ou Marta Rivera (Ciudadanos).
Quen son?
O sector electrointensivo compóñeno aquelas industrias que teñen un alto consumo enerxético, que pode representar até máis de 50% dos seus custos de produción. Na Galiza son, no principal, por volta dunha ducia de industrias: tres grupos galegos (Finsa, Megasa, Tojeiro) e compañías con plantas produtivas na Galiza (Ferroatlántica, Alcoa, Celsa Atlantic, SLG Carbón)
As reformas do sector eléctrico aprobadas polo goberno do Partido Popular en 2013 alteraron o escenario da industria electrointensiva. Implántase unha poxa de interrompibilidade que na práctica é, como denunciara de Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario de CIG-Industria, unha “ruleta rusa”. Esta medida, mantén, fomenta a competencia desleal entre empresas do mesmo sector produtivo, outorgando prezos de electricidade moi dispares e cuxas consecuencias máis graves tradúcense no que acontece en Alcoa e Ferroatlántica.