Bruxelas presentará esta semana o texto legal do acordo de libre comercio con Mercosur para pedir a ratificación dos estados

Javier Milei, Luis Lacalle Pou, Ursula von der Leyen, Luiz Inácio Lula da Silva e Santiago Pena Pose, esta sexta feira. (Foto: Santiago Mazzarovich / DPA)
O Executivo comunitario pon en marcha a fase final do proceso de ratificación necesario para a entrada en vigor do pacto comercial e que pasa, primeiro, polo exame e validación do Consello Europeo (composto polos gobernos comunitarios) e do Parlamento Europeo.

A Comisión Europea presentará esta cuarta feira, 3 de setembro, os textos legais do acordo de asociación e libre comercio que Bruxelas fechou en decembro cos estados de Mercosur, mais que necesita aínda o visto e prace dos estados comunitarios (con reservas como a de Francia) e da Eurocámara para ser ratificado pola Unión Europea (UE).

O Colexio de Comisarios prevé adoptar os documentos na súa reunión semanal, segundo indicou esta terza feira nunha rolda de prensa Paula Pinho, portavoz xefe do Executivo de Ursula von der Leyen, quen non quixo dar máis detalles sobre a base da proposta até que sexa presentada formalmente.

Deste modo, Bruxelas pon en marcha a fase final do proceso de ratificación necesario para a entrada en vigor do pacto comercial e que pasa, primeiro, polo exame e validación do Consello Europeo (composto polos gobernos comunitarios) e do Parlamento Europeo.

A luz verde dos colexisladores permitiría a entrada en vigor polo menos de maneira provisional até que o novo acordo conte tamén coa aprobación dos estados de maneira individual, se a base legal exixe tamén este paso.

Nos plans de Bruxelas estaba que a ratificación por parte da UE do acordo político, que a propia Von der Leyen fechou co bloque do Cono Sur nunha viaxe en decembro a Montevideo (Uruguai), se puidese lograr antes de que acabase este 2025, mais para iso contaba con pór a proposta legal sobre a mesa dos estados e da Eurocámara xa o pasado xuño.

Con todo, as tensións comerciais cos Estados Unidos e as reservas de países como Francia, Italia ou Polonia ao acordo con Mercosur lastraron os plans da Comisión Europea de fechar este capítulo antes de que empezase o verán e aprazou a presentación da proposta até esta semana.

Aínda que non existe, en principio, unha minoría de bloqueo para tombar o tratado de libre comercio con Mercosur, París insiste en que, a pesar das salvagardas adicionais pactadas en decembro, o acordo "segue sen ser aceptábel na súa forma actual".

A París únese Roma tamén na demanda de medidas de acompañamento para a agricultura comunitaria e maiores garantías de que as importacións que cheguen de Mercosur se se aplica o acordo se someterán aos mesmos estándares fitosanitarios, medio ambientais e laborais que os que se impoñen aos comunitarios.

O Colexio de Comisarios desta cuarta feira, ademais, presentará tamén os textos legais para ratificar o acordo que a UE alcanzou en xaneiro deste ano con México para modernizar o marco comercial bilateral.