O BNG acorda co Goberno español que as persoas perceptoras do SMI non tributen o IRPF

O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O Goberno español acaba dando marcha atrás, e segundo informou o BNG nun comunicado á prensa acepta non cobrar o IRPF a quen recibe o salario mínimo.

A través dunha emenda transaccional asinada por BNG, PSOE e Sumar no Proxecto de Lei de responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, incorpórase unha nova redución na cota líquida total do imposto para as persoas perceptoras do SMI.

Co estabelecemento desta dedución evítase que as persoas contribuíntes perceptoras do salario mínimo interprofesional tributen no imposto sobre a renda das persoas físicas.

A medida esténdese tamén a contribuíntes con rendementos íntegros do traballo derivados da prestación efectiva de servizos mediante unha relación laboral ou estatutaria de até 18.276 euros anuais, os cales verán tamén reducida a súa correspondente cota tributaria.

O custo destas deducións será asumido exclusivamente polo Estado español.

A transaccional xa está introducida no Proxecto de Lei pola que se modifica o texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo RDL 8/2004 e a lei 20/2015, de ordenación, supervisión e solvencia das entidades aseguradoras e reaseguradoras.

A emenda xorde da controversia xerada logo de que o Ministerio de Facenda sinalara en febreiro de 2025 que as persoas perceptoras do SMI, por primeira vez, deberían tributar a través do IRPF.